Imaxe dos Aguillóns

Os Aguillóns xa foron descritos polo xeógrafo Ptolomeo no século II

É imposible non querer coñecer un concello cun nome tan agarimoso como Cariño. Está situado na comarca do Ortegal e é un dos máis novos de Galicia. Hai só uns días cumpríanse 30 anos desde a súa separación de Ortigueira. Cariño ten unha costa privilexiada, onde se sitúa o faro do Ortegal, o punto onde se xuntan as augas do Atlántico e do Cantábrico. E desde este espectacular miradoiro pódense observar Os Aguillóns. Son tres penedos que emerxen das ondas e que están entre as rochas máis antigas do planeta.

Precisamente a xeoloxía de Cariño e dos concellos próximos é tan rica que están a traballar para crear un Xeoparque. Sen dúbida, este será un atractivo máis que sumar ás visitas a esta zona.

Ademais, na contorna do faro pódense ver diferentes especies de aves mariñas. Máis de dous centos distintas migran a finais do verán cara ao sur. Polo inverno, a ría de Cariño convértese no hábitat de arredor de 10.000 exemplares de parrulos, gansos, garzas, corvos mariños… Algúns proceden de tan lonxe como Siberia ou Estados Unidos.

Conservas, cetarias e redeiras

Visita escolar á Cetaria da Balandra

Na Cetaria da Balandra os escolares poderán ver os viveiros de marisco

A vila de Cariño ten o seu porto mariñeiro, rúas estreitas e casas de cores. E tamén moitos edificios que lembran unha actividade que foi durante moitos anos  e aínda é, xunto coa pesca, o sustento da localidade: a conserveira. Nunha visita escolar é moi recomendable a visita á fábrica La Pureza, onde os nenos e nenas poderán ver como se desenvolve todo o proceso de enlatado e probar algunha das ricas conservas que se envasan alí. E non pode faltar tampouco unha parada na Cetaria de Balandra, un viveiro onde se cría marisco para a súa comercialización. Outro lugar de interese é a  nave das redeiras -coñecidas en Cariño como atadoras- onde lles poden ensinar a facer e reparar aparellos de pesca.

Como se ve, a vertente didáctica dunha visita a este municipio é evidente. Todo un compendio de recursos para as Ciencias Sociais e Naturais, entre outras materias cuxas propostas pódense consultar nesta ligazón.