AS PONTES DE CAMIÑADA

Separador

AS PONTES EN PEZAS, RUTAS SENDEIRISTAS, A RUTA INDUSTRIAL E O LAGO

  • Casa do Concello
    Parque Municipal, s/n

  • Teléfono 608 201 251

  • Ferrol 27 Km
    A Coruña 54 Km
    Santiago 97 Km
    Viveiro 64 Km

No ano 2017 arrancou en As Pontes unha proposta dedicada a encher de arte os recunchos da vila, creando un auténtico museo ao aire libre que retrata a historia e características da localidade a través de diversas técnicas artísticas. Trátase de As Pontes en Pezas, un proxecto que xa conta con máis de 40 obras elaboradas tanto por artistas como pola veciñanza.
Os creadores teñen liberdade total para botarlle imaxinación ás súas propostas, polo que neste particular museo hai obras do máis variado, dende graffitis ata fotografías e murais de gran formato.
Os obxectivos desta iniciativa son a promoción da convivencia e cooperación entre a veciñanza e a estimulación da súa creatividade na elaboración de pezas que poñan en valor as historias, lendas, oficios, personaxes e valores característicos da vila pontesa. É sen dúbida un bo xeito de incentivar a sensibilidade artística do alumnado así como de transmitirlles os valores sociais que motivan este proxecto.
Pero ademais de camiñar pola vila, As Pontes conta con dúas rutas de sendeirismo coas que inculcar valores de coidado e respecto ao medio natural.
A Senda da Ribeira arranca xunto á emblemática ponte de García Rodríguez, que data do ano 1376 e que tamén é coñecida como Ponte Vella ou Ponte dos Ferros. Esta construción recibe o nome do cabaleiro García Rodríguez de Valcárcel, o señor destas terras, que a mandou levantar en agradecemento á axuda prestada na guerra contra o seu medio irmán, o rei Pedro I de Castela, O Cruel.
Esta ruta circular discorre ao longo de seis quilómetros por un paseo de madeira xunto ao río Eume, a Igrexa de Santa María, do século XVI, a ponte de Isabel II, construida en 1862, e os muíños da Ribeira e Alende.
É un percorrido de trazado fácil e con espazos nos que descansar e xogar, como a área recreativa da Ribeira Nova.

Pola súa parte, a Senda das Fragas de Ribeira e Lostegal é tamén un itinerario circular aínda que máis esixente, con desniveis pronunciados e cunha lonxitude de 19 quilómetros, que percorre lugares de gran atractivo paisaxístico como o Alto da Carballeira, desde onde pode divisarse unha magnífica panorámica da vila, e as Fragas de Lostegal e da Ribeira, onde se pode admirar a súa abundante e diversa vexetación.
As Pontes é, ademais, un dos destinos de referencia en España para o chamado turismo industrial, debido ao seu grande patrimonio fabril. Desde 2021, a localidade forma parte da Rede Europea de Patrimonio Industrial (ERIH).
A historia da vila mineira estivo tradicionalmente marcada pola súa intensa actividade industrial. Nos anos 40 comezou a funcionar a mina de As Pontes, que naquel momento foi a maior explotación a ceo aberto de España. Alí extraíase a gran escala o carbón do chan pontés, da variedade lignito pardo montés. Este primeiro fito industrial motivou a posterior aparición das centrais eléctricas e os encoros que supuxeron o crecemento da vila. Hoxe, o oco da mina está ocupado por un lago artificial, un espazo de grandes dimensións idóneo para realizar xogos e outro tipo de actividades de lecer, sobre todo de ámbito náutico. Tamén é destacable a central térmica de Endesa, que presume de ter unha característica cheminea, a máis alta de Europa, con 356 metros.
O Concello de As Pontes trazou unha ruta que percorre os puntos máis emblemáticos da paisaxe industrial pontesa. Existen dous posibles itinerarios: Un é circular e máis curto (1 hora a pé) e outro é máis extenso (máis de 2 horas). Ambos, axitados para cubrir coa rapazada, comezan e rematan no Punto de Información Turística situado no lago, onde proporcionan mapas das rutas, aínda que tamén se poden consultar toda a información sobre elas na web de As Pontes Experiencia Industrial. Os dous itinerarios son percorribles a pé ou ben en bicicleta e contan cunha boa sinalización e paneis informativos para coñecer máis sobre a contorna, a fauna e a flora.

  • Idades: Primaria (As Pontes en Pezas e a Senda da Ribeira), ESO e Bacharelato

  • Materias: Educación Plástica e Visual, Historia e Xeografía, Historia da Arte, Ciencias Naturais, Ciencias Sociais, Bioloxía, Xeoloxía

  • Máis información sobre As Pontes en Pezas: enpezas.aspontes.org
    Máis información sobre as rutas de sendeirismo:
    Senda da Ribeira: www.turismo.gal/recurso/-/detalle/200522000137
    Senda das Fragas: www.turismo.gal/recurso/-/detalle/170526000748
    Máis información sobre o lago e a ruta industrial:
    www.experienciaindustrial.es/ruta-industrial

rutas por Ferrol

CASA DO MEL E MUSEO ETNOGRÁFICO

  • Casa do Mel:
    Estrada Pontedeume-As Pontes (AC-564), 5 Goente
    661 003 616 / 981 102 249
    Museo Etnográfico Monte Caxado:
    Praza da Igrexa, As Pontes. 670 509 697 / 698 148 890

A Casa do Mel é un espazo moi activo que propón numerosas actividades para achegar aos pequenos ao mundo das abellas. Desde o ano pasado veñen organizando as apirrutas, dous percorridos de senderismo, un máis curto e outro máis extenso, nos que se visitan os tres apiarios situados na zona de rehabilitación de Endesa. Estes itinerarios compleméntanse cunha charla explicativa sobre o oficio da apicultura na súa aula da natureza.
Por outra banda, a Casa do Mel segue mantendo as visitas guiadas á casa-museo, onde ademais do acceso ás exposicións os nenos poden participar en obradoiros de cera e catas de mel. Para todas as actividades guiadas en grupo é imprescindible reservar con antelación.
Na praza da Igrexa do concello atópase o Museo Etnográfico Monte Caxado, un espazo que alberga arredor de 4.000 pezas pertencentes á vida cotiá da veciñanza pontesa e galega ao longo do tempo. Trátase dunha colección impulsada polo mestre José López Ferro no ano 1984, que non deixou de medrar desde entón grazas ás aportacións dos veciños. O propósito desta iniciativa é manter viva a lembranza do patrimonio e garantir que os máis novos poidan coñecer a cultura, historia e costumes de Galicia a través das pezas do seu pasado. O museo está dividido en áreas temáticas: oficios, vida cotiá, a casa, a escola, a emigración ou o xoguete son algunhas delas.
É posible visitar o museo facendo un itinerario guiado, labor da que se ocupa López Ferro, quen tamén xestiona os fondos do museo.

  • Idades: Infantil, Primaria, ESO e Bacharelato

  • Materias: Ciencias Sociais, Xeografía e Historia, Ciencias Naturais, Bioloxía

  • Información Casa do Mel: O prezo da entrada son 3 € por persoa, con guía.
    O horario por semana é a convir polo grupo e as fins de semana de 16:00 a 21:00.
    É necesaria unha reserva previa chamando ao 661 003 616.
    Hai unha tenda de mel e de produtos apícolas.
    Ten un aparcadoiro amplo.
    www.casadomel.es
    Información Museo Etnográfico:
    O prezo é gratuíto e a visita con guía. O horario é de martes a venres de 18:00 a 19:30 e sábados, domingos e festivos de 11:30 a 13:00.
    As visitas en grupo pódense concertar previamente no horario que mellor lles conveña, chamando ao 670 509 697 ou escribindo a
    info@montecaxado.gal
    www.montecaxado.gal

rutas por Ferrol