CARIÑO

BARRIO MARIÑEIRO
Casa do Concello
Avenida da Paz, 2
CariñoTlfo: 981 405 064
www.concellodecarino.galFerrol 55 Km
A Coruña 94 Km
Viveiro 54 Km
Santiago 137 Km

Cariño é un concello cun amplo abano de puntos de interese para visitar durante unha excursión escolar ou familiar e alberga algúns dos espazos naturais máis fermosos da comarca.
Este pobo está ubicado á entrada da ría de Ortigueira e as súas orixes remóntanse á Prehistoria. Mostra disto son os túmulos megalíticos que indican que houbo asentamentos nesta zona dende o 3000 a.C.
Esta vila estivo tradicionalmente moi ligada á pesca, motor económico da localidade xunto coa industria conserveira. As casas do seu casco histórico dan conta deste vínculo entre os veciños e o mar, co seu característico estilo mariñeiro, que devolve unha colorida postal do barrio. Estas vivendas son estreitas e de baixa altura e están moi xuntas entre si, nun intento de aproveitar ao máximo o espazo próximo ao peirao.
As rúas da parte alta do barrio serven a modo de pequenos miradoiros ofrecendo vistas privilexiadas da ría e dos seus accidentes xeográficos. Destacan especialmente os da Rúa Antiga, O Pósito e O Castro. Nesta zona tamén se atopan as prazas que no pasado eran escenario de feiras e festas, como a Porta da Pulida, e a igrexa parroquial de San Bartolomeu, construída en 1923. Preto do centro, a praia da Concha e o paseo marítimo, que conta cun parque infantil, son espazos agradables para xogar, descansar ou parar a merendar.
Para coñecer de preto os oficios tradicionais da vila, é moi recomendable unha visita á nave das redeiras, onde se elaboran de xeito artesanal as redes de pesca que usan os mariñeiros da zona.


Idade: De Infantil a Bacharelato
Materias: Ciencias Naturais, Bioloxía e Xeoloxía, Ciencias Sociais, Xeografía e Historia, Educación Física
Máis información sobre as naves das redeiras: A nave está aberta de 9:00 a 13:00 e de 15:00 a 19:00. As visitas son para un mínimo de 20 persoas e teñen unha duración de 1 hora. É preciso reservar con antelación chamando ao 648 440 437 ou escribindo a asoredeirascarino@hotmail.com

ROCHAS E AVES
Faro do Cabo Ortegal
43°46’17.3”N 7°52’08.3”WFolletos sobre a Rede Natura e itinerarios polo complexo xeolóxico do cabo Ortegal descargables en:
www.concellodecarino.gal/que-facer-ver/

A contorna natural próxima a Cariño é dunha beleza e valor ambiental inestimable. A só catro quilómetros da vila xa temos o Cabo Ortegal e o seu característico faro no medio dunha impresionante península montañosa con cantís de 300 metros de altitude, onde as augas do Atlántico e do Cantábrico conflúen. O lugar é accesible en coche e ten espazos habilitados para estacionar.
Desde o faro poden contemplarse ao este Os Aguillóns, unhas curiosas pedras con forma punzante que emerxen desde o mar cara a superficie. Estas xa chamaran a atención no século II do xeógrafo Ptolomeo, que as bautizou como “Os tres brancos”. Algúns estudos indican que estas rochas poderían ser as cuartas máis antigas do planeta. Desde o miradoiro do faro a vista alcanza tamén os altísimos cantís de Herbeira.
No lado oeste do cabo fórmanse nos días chuviosos fervenzas que baixan do río Limo ata verter as súas augas no mar. No medio de ambos extremos da península atópase a Enseada da Cova, un gran arco no que emerxen formacións rochosas coma a “Longa da Moreira”, de gran altura e rematada en pico.
Esta zona do litoral conta case na súa totalidade con algún tipo de protección ambiental debido ao seu incalculable valor paisaxístico e xeolóxico. Neste punto hai unha concentración única de rochas de orixe metamórfico entre as que se contan anfibolitas, granulitas e gneises. Aquí tamén se pode ver o maior e mellor afloramento de ecloxitas do mundo.
Ademais, este é un espazo de gran valor ornitolóxico, pois aquí se observan numerosas especies de aves. Paxaros de todo o mundo escollen Cariño para facer unha parada durante a súa viaxe migratoria. Unha oportunidade única para propoñerlles aos nenos e nenas unha xornada de inmersión na natureza na que admirar de preto estes animais.


Idade: ESO e Bacheralato
Materias: Ciencias Naturais, Bioloxía e Xeoloxía, Ciencias Sociais, Xeografía e Historia, Educación Física
Recompendacións: A zona do cabo é de fortes ventos polo que é necesario levar roupa de abrigo todo o ano
Máis información: Neste enderezo pódese acceder a folletos con información sobre rutas por Ortegal e demais
www.concellodecarino.gal/que-facer-ver

CONSERVEIRAS
Conservas La Pureza
Rúa do Río Grande, 2, Cariño
Tlfo: 981 405 004
Ferrol 55 Km
A Coruña 94 Km
Viveiro 54 Km
Santiago 137 Km

A industrialización da vila mariñeira de Cariño xurdiu da man da implantación do sector conserveiro, que impulsou o crecemento da súa poboación e a chegada de novas empresas relacionadas coa explotación pesqueira.
As pequenas fábricas de conservas chegaron no século pasado á vila e convertéronse daquela no motor económico da localidade. A década dos 60 foi a época dourada do sector, que contaba con 24 fábricas en Cariño, un concello que non supera os 5.000 habitantes. Actualmente algunhas destas empresas seguen en activo, como é o caso da Conserveira “La Pureza”, fundada en 1924. Esta factoría dedícase tanto á elaboración artesanal de conservas de peixe e marisco como ás conservas vexetais. Ademais, conta coa súa propia marca de marmeladas, chamada Amieiro. Existe a posibilidade de visitar as instalacións da fábrica cos escolares para que coñezan os procesos de produción das conservas consultando previamente a dispoñibilidade co persoal.
Estas fábricas estaban asentadas en fermosas edificacións que embeleceron as rúas cariñesas. O motivo disto é que estas factorías funcionaban tamén como lugar de residencia dos propietarios, polo que a súa arquitectura presenta as sofisticadas fachadas señoriais típicas de comezos do século XX. Achegarse cos escolares a observar o exterior destas fábricas é un bo xeito de ensinarlles o aspecto desta tipoloxía de vivenda galega habitual nas décadas pasadas.
Idade: De Primaria a Bacharelato
Materias: Ciencias Naturais, Bioloxía e Xeoloxía, Ciencias Sociais, Xeografía e Historia, Educación Física
Máis información sobre a Ruta dos Mariñeiros:
Para consultar a dispoñibilidade de visitas guiadas á fábrica La Pureza contactar chamando ao 981 405 004


