PROXECTO XEOPARQUE DO CABO ORTEGAL

Concellos participantes:
Cariño, Cedeira, Cerdido, Moeche, Ortigueira, San Sadurniño e ValdoviñoMáis información en
turismo.dacoruna.gal/gl/descargas/proxecto-de-xeoparque-do-cabo-ortegal

A área norte da provincia da Coruña alberga un tesouro de gran valor xeolóxico que ofrece unha oportunidade única para traballar co alumnado os contidos das aulas de Ciencias Naturais e Xeoloxía. O complexo rochoso esténdese por 630 quilómetros cadrados distribuídos polos concellos de Cariño, Cedeira, Cerdido, Moeche, Ortigueira, San Sadurniño e Valdoviño. Polas súas características singulares, o conxunto aspira a convertirse en Xeoparque e a conseguir o recoñecemento da UNESCO de Global Geopark.
Neste lugar hai nada menos que 52 Lugares de Interese Xeolóxico e cinco deles gozan de relevancia internacional. O máis salientable deste espazo ten que ver coa presenza na superficie de rochas do manto terrestre, que habitualmente se atopan a 70 quilómetros baixo a terra. Un auténtico regalo para os xeólogos, pois en moi poucos lugares do mundo se pode ver o que sucede nas entrañas da Terra como acontece aquí.
Os tesouros xeolóxicos da contorna poden coñecerse mediante diferentes rutas guiadas da man de Francisco Canosa, doutor en Xeoloxía e principal impulsor do proxecto do Xeoparque. No 2015, Canosa elaborou unha guía onde se recollen os sete itinerarios habilitados para achegar á sociedade o patrimonio xeolóxico.
Entre a multitude de puntos de valor xeolóxico agochados na zona, os percorridos propostos por Canosa permiten coñecer algúns dos máis interesantes, como o Macizo do Limo en Cariño, os cantís de San Andrés de Teixido e os de Víxía Herbeira, os máis altos da Europa continental. Nesta zona atópase a curiosa praia de Teixidelo, a única do mundo de área negra non volcánica.
Outros dos accidentes xeográficos máis famosos do conxunto son o cabo Ortegal, onde están as rochas máis antigas da Península Ibérica; e o de Estaca de Bares, o seu punto máis setentrional e o lugar no que se separan as augas do Atlántico e o Cantábrico.
No complexo do proxecto de Xeoparque teñen tamén especial relevancia as acumulacións de minerais do interior dalgunhas covas, que se poden visitar nestes itinerarios guiados. É o caso das antigas minas de cobre de Cerdido ou Moeche, onde se poden observar curiosas estalactitas e estalagmitas de cor azul.
Ademais, os espazos naturais desta zona da costa caracterízanse pola súa riqueza de flora e fauna. De feito, toda a franxa do litoral dende Valdoviño ata Ortigueira ten algún grao de protección de ámbito europeo, con áreas declaradas de Especial Conservación, Especial Valor Natural ou Especial Protección para as Aves, pois é lugar de paso migratorio de moitas especies aviares.
A grande riqueza xeolóxica e natural de todos estes espazos é asunto de investigación dende mediados do século XX e ofrece unha oportunidade única a escolares e adultos de coñecer nunha contorna espectacular a historia e características do noso planeta. Este excepcional valor científico e ambiental impón a necesidade de protexer e dar a coñecer a zona a través de labores de divulgación, que fomenten ao mesmo tempo o desenvolvemento sostible dos espazos. Este é un dos obxectivos chave que se persegue co proxecto de Xeoparque: converter este lugar nun destino turístico de calidade que contribúa á dinamización social, cultural e económica dos concellos implicados.


Idades: Primaria, ESO e Bacharelato
Materias: Bioloxía e Xeoloxía, Xeografía e Historia, Ciencias Sociais, Educación Física
Concellos participantes:
Cariño, Cedeira, Cerdido, Moeche, Ortigueira, San Sadurniño e Valdoviño
