AUTORIDADE PORTUARIA DE FERROL

FAROS E SENDEIROS
Peirao de Curuxeiras s/n
FerrolTlfo: 981 338 000
Ferrol 0 Km
A Coruña 50 Km
Viveiro 87 Km
Santiago 93 Km

A parte do litoral que abrangue desde Ferrol ata Ribadeo presume de contar con paisaxes impresionantes nas que se ubican auténticas xoias patrimoniais: os faros da costa, coidados e xestionados pola Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao. Nesta área costeira hai un total de nove puntos que conforman a chamada Ruta dos Faros, un itinerario de fascinante beleza.
A ruta comeza na costa ferrolá, en Cabo Prioriño, onde se atopa o primeiro faro, construído no 1854. Na contorna próxima situánse dúas antigas baterías, a de Prioriño e a de Punta Viñas. Tamén en Ferrol, na parroquia de Covas, chegamos a unha nova parada, Cabo Prior. No medio dunha paisaxe de cantís recortados nos que o mar bate con forza, érguese o faro xunto cunha portabandeira e tres baterías de costa.
Continuando ao norte, na vila de Cedeira está o faro de Punta Candieira, situado no bordo dun cantil ao final dunha vertixinosa baixada que se pode facer en coche. A torre leva funcionando desde 1954 e a súa contorna ofrece unha panorámica única do Atlántico.
Na comarca de Ortegal, as rochas do manto terrestre asoman á superficie, algo insólito na península que dota ao lugar dun importante valor xeolóxico (ver páxina do Xeoparque do Cabo Ortegal). É aquí onde se atopa o faro de Cabo Ortegal, construído nunha atalaia dende onde se pode gozar dunhas vistas que quitan o alento.
Xa na Mariña Lucense, no Vicedo, pódese visitar un dos puntos máis populares da costa galega, a Punta Socastro, lugar máis coñecido como O Fuciño do Porco. Un longo paseo de madeira traza o percorrido que chega ao bordo do saínte rochoso onde se ubica o faro. Despois da intensa caminata necesaria para chegar ata alí, as súas espectaculares vistas son o mellor premio.
O último punto da ruta norte dos faros está na Illa Pancha de Ribadeo, ao límite con Asturias. Este illote conéctase coa terra a través dunha ponte e alberga un faro construído a finais do século XX en substitución do anterior, de 1857, que agora funciona como hotel e conta cun bar con terraza.


Idade: Quinto e sexto de Primaria, ESO, Bacharelato
Materias: Ciencias Naturais, Bioloxía e Xeoloxía, Ciencias Sociais, Xeografía e Historia, Educación Física
Recomendacións e máis información:
Para visitar calquera dos faros é aconsellable levar routa axeitada para protexerse do vento.
