FERROL

AS MENINAS
Barrio de Canido. Ferrol
visitferrol.com/ruta-de-las-meninasFerrol 0 Km
A Coruña 54 Km
Viveiro 89 Km
Santiago 97 Km

Os muros do barrio de Canido albergan unha xoia de arte urbano colectivo única no mundo, na que as Meninas de Velázquez son as protagonistas. No ano 2008, o veciño e artista Eduardo Hermida, farto da situación de decadencia e abandono na que se estaba sumindo o seu barrio, decide sacar os seus pinceis á rúa para dar vida e cor ás paredes dun dos edificios en mal estado da zona cunha reinterpretación do famoso cadro. Aquel pequeno xesto foi a orixe dun proxecto que cambiaría o rumbo de Canido para sempre.
Os veciños comezaron a sumarse á iniciativa de Eduardo pintando as súas propias meninas e, ano a ano, o número de involucrados no proxecto foi maior, atraendo a artistas de todo o mundo. Os pequenos debuxos iniciais deron paso a murais de gran formato que abraian a todo o que visita o barrio, convertido xa nun auténtico museo de arte ao aire libre con centos de meninas que descubrir en cada recuncho. Cada ano, durante a primeira fin de semana de setembro celébrase o Festival das Meninas de Canido, un evento ao que acoden artistas nacionais e internacionais para dar vida a novas meninas.
As Meninas acadaron un gran recoñecemento en todo o mundo e foron nomeadas no 2018 como Itinerario Impresionista de Street Art polo Consello de Europa. Hai que ter en conta que este proxecto non só destaca polo seu interese artístico, senón tamén polos valores de cooperación e revalorización do espazo que transmite a iniciativa e os que reflicten os propios murais, que fan alusións a temas como o feminismo, o ecoloxismo ou a diversidade sexual.
Un percorrido polo barrio de Canido cos escolares pode ser unha actividade moi enriquecedora para transmitirlles todos estes valores. Ademais, para grupos pequenos cabe a posibilidade de facer unha visita guiada con Eduardo Hermida.


Idade: De Infantil a Bacharelato
Materias: Plástica, Xeografía e Historia, Ciencias Sociais, Educación Física, Historia da Arte
Teléfono 981 944 272
Máis información:
No correo ferrolturismo@ferrol.es e na web visitferrol.com/ruta-de-las-meninas

PARQUE RAÍÑA SOFÍA E MUSEO DA SGHN
Parque Raíña Sofía: Rúa Pintor Imeldo Corral s/n
15401 Ferrol. Tlfo. 981 944 221.
Museo SGHN: Praza de Canido s/n
15401 Ferrol. Tlfo. 981 931 315/698 141384

No centro da cidade atópanse dous espazos moi interesantes para complementar con saídas da aula o aprendido nas materias relacionadas coas Ciencias da Natureza.
Un deles é o Parque Raíña Sofía, unha área verde na que se poden ver distintas especies árboreas como laranxeiros, unha sequoia ou un cedro do Atlas. O máis singular deste espazo é que nel habitan pavos reais en liberdade, ofrecendo aos escolares a oportunidade de observar desde moi preto esta curiosa especie. Ademais, neste recinto atópase Aquaciencia, un xardín didáctico sobre a auga equipado con trebellos, maquetas e xogos a través dos que os nenos e nenas poden descubrir os distintos usos e propiedades da auga mentres se divirten.
Outro dos elementos destacables do parque é a Fonte Wallace, comprada en París no 1889 e que está rodeada de bustos de personaxes ilustres de Ferrol.
No barrio de Canido atópase o Museo da Sociedade Galega de Historia Natural, nas instalacións dun antigo cuartel militar. No seu interior alberga unha importante colección de especies vexetais, minerais e animais, que proceden en parte de doazóns de particulares e en parte da propia actividade do museo. Destaca especialmente a súa colección de ósos pertencentes a cetáceos, unha das máis grandes de España, entre a que é de salientar o esquelete de 18 metros de lonxitude dunha balea. Ademais, as dependencias do museo integran un xardín con diversas especies froiteiras, arbustivas e arbóreas.
Para a entidade, o respecto á natureza é esencial e exercen un importante labor de recuperación de especies e a súa posterior reintrodución no seu hábitat natural. Hai que subliñar que todas as pezas do museo foron adquiridas sen causar ningún dano á natureza. O acceso é gratuíto e pódese concertar previamente un servizo de visitas guiadas.


Idade: De Infantil a Bacharelato
Materias: Ciencias Naturais, Bioloxía e Xeoloxía, Ciencias Sociais, Xeografía e Historia, Física
Horarios:
Parque Raíña Sofía: Aberto todo o día
Museo da Sociedade Galega de Historia Natural: De martes a sábado de 10.00 a 13.30 e de 17.00 a 20.30. Domingos e festivos de 10.30 a 14.00 horas.

DONIÑOS
Concello de Ferrol. Tlfo. 981 944 000
Praia de Doniños: 43º29’43»N8º19’13»W
Castro de Lobadiz: 43º30’30.8»N8º19’39.3»W
Ferrol 9 Km
A Coruña 62 Km
Viveiro 94 Km
Santiago 105 Km

A praia de Doniños é unha das máis populares de Ferrol pola beleza da súa paisaxe, a súa area fina, a limpeza das súas augas e as súas ondas, moi valoradas entre os surfistas nacionais e internacionais. Doniños é un lugar de interese natural e histórico que vale a pena visitar co alumnado.
O areal atópase a dez minutos en coche da área urbana e conta con dous accesos: o da zona norte, Outeiro, cun paseo de madeira, locais de hostalaría e un extenso piñeiral; e o da zona sur, Penencia, o extremo da praia menos masificado, que conta tamén cunha cafetería-restaurante.
A praia está rodeada por un complexo dunar onde se atopa a Lagoa de Doniños, un espazo incluído na Rede Natura como lugar de importancia comunitaria. A zona da lagoa está habitada por un gran número de especies de flora e fauna de grande interese ecolóxico, destacando a súa riqueza de aves acuáticas. Durante as chuvias do inverno a lagoa verte as súas augas no mar creando unha fermosa paisaxe de marismas.
O lugar que alberga este lago está rodeado de misticismo e existen diversas lendas sobre el. A máis famosa conta que a zona estaba habitada por unha comunidade de veciños chamada Valverde que, pola súa maldade, recibiu un castigo divino en forma de onda xigante que somerxeu o asentamento. Os únicos superviventes serían dous nenos, suceso que explicaría o nome de Doniños.
Realmente, este topónimo parece provir da unión de dúas palabras gaélicas, “dún” e “inis” e significa “castro da illa”. Esta expresión faría referencia ao asentamento celta que existiu no límite norte do areal, Punta do Castro, onde se acharon xoias e outros restos arqueolóxicos; e ás Illas Gabeiras, unhs illotes rochosos próximos a costa formados polo desprendemento natural dos cantís que se poden contemplar dende a zona do castro de Lobadiz.
Na contorna tamén hai restos dunha batería militar do século XVIII. Un dos acontecementos históricos máis soados que tiveron lugar nesta zona da costa foi o intento de invasión das tropas inglesas do almirante Warren no 1800. A frota desembarcou no areal de Doniños co obxectivo de conquistar Ferrol, pero a unión veciñal conseguiu vencer aos británicos e evitar o ataque. O escenario da batalla foron os Montes de Brión, parroquia na que cada verán se conmemora a victoria cun festival no que os veciños recrean o enfrontamento e organizan unha comida e xogos para os pequenos.


Idade: De Primaria a Bacharelato
Materias: Ciencias Naturais, Bioloxía e Xeoloxía, Ciencias Sociais, Xeografía e Historia, Educación Física, Ciencias Sociais
Máis información:
Ruta pola Senda Ártabra: com/doninos-cabo-priorino

BATERÍAS DE COSTA
Ligazón de descarga para a guía informativa: https://www.observersciencetourism.com/es/guias-viaje/ferrol-baterias-militares

A recortada costa ferrolá alberga unha boa cantidade de baterías militares, un patrimonio que representa a pegada da historia defensiva da ría. Estes restos poden coñecerse a través dunha ruta habilitada polo Concello de Ferrol que percorre nove puntos dende os que se velaba pola protección do litoral ferrolán.
As primeiras fortificacións construídas para este fin foron os tres castelos que flanquean a ría: San Felipe, A Palma e San Martiño (hoxe desaparecido), erixidos no século XVI. Dous séculos máis tarde, iniciouse o proxecto de cinco baterías para reforzar a protección da costa: as de Doniños, Prioriño Chico, Viñas, Cariño, San Cristobo e San Carlos. Estas estruturas póñense en funcionamento a partir do século XIX e teñen un papel determinante durante a ofensiva das tropas inglesas. A comezos do século XX as baterías dotáronse de pezas armamentísticas modernas, como os canóns Vickers, que eran capaces de disparar proxectís de 800 quilos.
A opción máis recomendable para unha saída escolar é visitar algunhas das baterías e a súa espectacular contorna a través da ruta que conecta San Felipe e San Cristobo. O itinerario é de 8 quilómetros ida e volta, pero ambos puntos son accesibles en coche se se quere acurtar esa distancia. As baterías de Prior e Monte Ventoso son menos axeitadas para unha excursión con menores porque se atopan en cantís con zonas algo perigosas.
Unha vez que se visitan estes lugares é obrigado facer parada nas calas e praias próximas, de gran beleza e interese ambiental, así como tomarse un tempo para descubrir a fauna e a flora que habita o litoral ferrolán.
Idade: ESO e Bacharelato
Materias: Ciencias Naturais, Ciencias Sociais, Xeografía e Historia, Educación Física, Ciencias Sociais
Máis información:
Recurso con imaxes, guías e vídeos en www.observersciencetourism.com/es/destino/baterias-militares-de-ferrol-a-coruna




SAN FELIPE
San Felipe
43° 27′ 53.0″ N, 8° 16′ 54.0″w
Ferrol 8 Km
A Coruña 60 Km
Viveiro 95 Km
Santiago 103 Km

A ría de Ferrol estivo históricamente marcada pola súa importancia estratéxica para defenderse das ameazas de invasión á península. A súa recortada costa acollía un triángulo defensivo conformado por tres castelos, o de San Felipe, na costa ferrolá; o da Palma, en Mugardos; e o de San Martiño, en Ares, que xa non existe hoxe en día. No século XVI, Felipe II mandou aos seus enxeñeiros á incipiente urbe para estudar a súa costa e construir estas edificacións para a Armada do reino.
Esta triada permitía unha defensa total da ría, facéndoaa inexpugnable ante as tropas inimigas. No século XVIII, os castelos de San Felipe e San Martín uníanse cunha grosa cadea como reforzamento das medidas de defensa. A ría foi vítima de diversos ataques de frotas británicas e francesas que puxeron a proba este sistema defensivo, resultando sempre en victoria para os ferroláns.
O actual castelo de San Felipe é o resultado da remodelación que se levou a cabo no século XVIII. A obra considérase como un exemplo de batería abaluartada, cun deseño que conta cunha zona de canóns dirixidos ao mar e outra zona con baluartes, unhas construcións que sobreasen da muralla para reforzar o seu carácter defensivo.
É posible coñecer a fortaleza a través dunha visita guiada na que o alumnado poderá achegarse a esta parte da historia de Ferrol. No interior da torre están abertas dúas exposicións permanentes, unha sobre a evolución da defensa da ría e outra con información sobre o castelo. Temporalmente está aberta outra sobre a batalla de Brión feita con 700 figuras de Playmobil.
Pode chegarse á fortificación por terra ou por mar, a través dun percorrido en lancha que permite coñecer outras construcións relacionadas co sector naval, como os asteleiros ou o Arsenal Militar.
Na época estival e en Semana Santa organízanse tours teatralizados coa indumentaria dos soldados que custodiaban o castelo no século XVIII.


Idades: Infantil, Primaria, ESO e Bacharelato
Materias: Xeografía e Historia, Ciencias Sociais
Horarios: De 10.00 a 18.00 horas en temporada baixa e de 10.00 a 14.00 horas e de 16.00 a 20.00 no verán.
Máis información: Hai un parque infantil nas proximidades do castelo e acceso e zona de estacionamento para coche e autobús.
Para as visitas en lancha é necesario contactar coa empresa Fernández Cabana no teléfono 620 926 958 ou en info@fernandezcabana.es
Para concertar visitas con guías oficiais da Xunta pódese chamar a Isabel (696 531 070) ou Xulio (661 257 545)
A entrada ao castelo é gratuíta.
O folleto do castelo está dispoñible para a súa descarga en visitferrol.com/castillo-de-san-felipe

MUSEO NAVAL
Avda. Irmandiños s/n Ferrol
Tlfo. 981 336 027
Ferrol 0 Km
A Coruña 50 Km
Viveiro 87 Km
Santiago 93 Km

O Museo Naval é un espazo no que se pode coñecer a histórica vinculación da cidade de Ferrol coa Armada Española. Está ubicado no primitivo Arsenal, no lugar no que se atopaba o antiga cárcere de San Campio no século XVIII.
A institución naceu coa función de aloxar as pezas recuperadas do naufraxio da fragata Madalena, afundida en Viveiro no 1810. Vaixelas, munición, armas e instrumentos de navegación son algúns dos restos da embarcación que se poden descubrir. A mostra completa do museo consta de 2600 pezas que dan conta da historia da Armada Española a través dos séculos: armamento, aparatos de navegación e cartografía ou bandeiras son algúns dos obxectos en exhibición. Unha das coleccións máis destacables é a de áncoras de distintas épocas, única no mundo. Outro dos grandes atractivos son as maquetas de gran formato de embarcacións icónicas, como as carabelas de Colón, o buque-escola Galatea ou o navío San Carlos Real de España.
As cociñas da prisión aproveitáronse para recrear esceas da vida cotiá dos mariñeiros do século XVIII, mostrando a súa alimentación durante as navegacións. Ademais, os escolares poden coñecer como eran as enfermarías da época e decubrir algúns obxectos que agochan historias curiosas, como a medalla que Hitler lle concedeu ao cruceiro Canarias.


Idade: De Infantil a Bacharelato
Materias: Ciencias Sociais, Xeografía e Historia, Tecnoloxía
Horarios: De martes a venres de 9.30 a 13.30 / Sábados, domingos e fetivos de 10.30 a 13.30 horas.

MUSEO DA CONSTRUCIÓN NAVAL (EXPONAV)
Edificio de Herrerías Avda. Irmandiños s/n. Ferrol
981 336 027
Ferrol 0 Km
A Coruña 50 Km
Viveiro 87 Km
Santiago 93 Km

O Museo da Construción Naval é, xunto co Museo Naval, situado xusto ao seu carón, un destino no que mergullarse e afondar na historia do sector naval, principal signo de identidade da cidade de Ferrol. É unha visita moi interesante para facer cos escolares, xa que o museo dispón de itinerarios guiados adaptados segundo a idade. Ademais, tamén organiza obradoiros destinados á aprendizaxe de conceptos básicos de flotabilidade ou realización de nós mariñeiros, entre outras actividades.
Un dos atractivos que veñen de incorporar para escolares son as “guíaventuras”, que consisten en propostas de percorridos polo museo seguindo unhas pistas a través do teléfono móbil, sen necesidade de descargar ningunha aplicación. Existen dúas con niveis de dificultade diferentes, unha para os máis pequenos e outra para mozos e adultos.
As amplas instalacións do museo, situadas nun edificio que mantén a estructura orixinal do século XVIII, albergan multitude de elementos cos que coñecer en profundidade a historia da construción naval da localidade. Tras a enorme caderna que dá a benvida aos visitantes atópanse centos de pezas que paga a pena coñecer. Algunhas das máis especiais son os restos do casco da fragata Madalena, afundida en Viveiro en 1810, dúas cámaras que mostran o interior dunha nave do século XVIII e dunha moderna para observar as diferenzas entre ambas ou a reprodución dunha antiga ferrería.
A colección do museo é inmensa e constitúe un auténtico retrato da evolución da enxeñaría de construción naval, desde a carpintería de ribeira ata os máis modernos estaleiros. As visitasguiadas xunto cos recursos didácticos da institución facilitan o entendemento do funcionamento dos barcos ata para os máis pequenos.


Idades: Infantil, Primaria, ESO e Bacharelato
Materias: Xeografía e Historia, Ciencias Sociais, Física e Tecnoloxía
Horarios: Temporada baixa: Martes a venres de 10.00 a 14.00 e de 17.00 a 20.00, sábados de 10.00 a 20.00 e domingos de 10.00 a 15.00.
Temporada alta: Luns a sábados de 11.00 a 19.00. Domingos: de 11.00 a 15.00.Máis información: As visitas guiadas son gratuítas e hai que concertalas chamando ao 981 359 682 ou en exponav@exponav.org
Posibilidade de organizar obradoiros adaptados ás idades e tenda de recordos.
