O Concello de Cedeira quere promover as excursións de grupos escolares á Serra da Capelada, pretendendo que a xente nova coñeza de primeira man unha zona de alto valor paisaxístico e xeolóxico, núcleo do Xeoparque Cabo Ortegal que vén de ser recoñecido pola Unesco. O programa xurde da man das empresas de turismo activo Orixen e Portal Norte, que artellaron un programa de actividades que combina xogo, deporte e cultura co fío condutor da “Búsqueda do sanandresiño”.
Nenos e nenas poderán pasar unha xornada de actividades adaptadas ao seu grupo e idade. Estas actividades se desenvolverán no parque de cordas do Campo de Armada e arredores, onde a cativada poderá gabear ás árbores, e desprazarse entre elas coa axuda de cordas, estruturas de madeira e pontes colgantes que se encontran instalados en elas.
O programa da xornada tamén inclúe o senderismo e a orientación, xa que aprenderán a utilizar unha brúxula, coa que terán que atopar as balizas agochadas pola zona, cada unha delas asociada no xogo a elementos destacados da paisaxe e o territorio.
No programa tamén ten cabida un achegamento aos valores xeolóxicos da zona, onde se coñecen algunhas das rochas máis características do Xeoparque, e á vez se disfruta das vistas dos acantilados máis altos de Europa. Na procura do «sanandresiño» os seus participantes tamen traballarán valores como a importancia dos hábitos saudables e o coidado da natureza.
Calquera colexio interesado en organizar unha destas saídas pode poñerse en contacto co Concello de Cedeira enviando un mail a noel.lopez@cedeira.gal. A actividade ten un prezo bonificado pola administración local.