ESMELLE

Separador

PROXECTO ESMELLE E MUSEO PÉREZ PORTO

O val de Esmelle alberga un enorme patrimonio etnográfico de gran atractivo e valor ambiental. No 2003, os veciños da zona promoveron o Proxecto Esmelle, unha iniciativa para atraer a atención das administracións cara estes espazos que estaban desatendidos e case esquecidos e puxéronse en marcha para traballar na restauración dos antigos muíños e a conservación do bosque autóctono.
Lavadeiros, fontes, muíños, hórreos, un castro celta e a praia son algúns dos elementos que conforman o conxunto patrimonial da contorna, que pode coñecerse a través de diferentes rutas de sendeirismo a pé ou en bicicleta. Os grupos de escolares poden solicitar que un membro da Asociación de Veciños os acompañe para facer de guía. Ademais, o aprendido durante a excursión pode reforzarse posteriormente na aula coas unidades didácticas das que dispón a asociación. Unha das posibles andainas é a Ruta dos Sentidos, inspirada no libro Merlín e Familia, de Álvaro Cunqueiro, na que se poden atopar paneis con fragmentos da obra e unha estatua do mago. Outro percorrido interesante é a Ruta dos Muiños, que conta con ata 22 diferentes.
A Asociación de Veciños Val de Esmelle tamén promoveu a creación dun museo dedicado a albergar a obra do ceramista fenés Pérez Porto, un espazo moi especial que tras varios anos de traballo abriu as súas portas este verán. O museo está situado nun inmoble da zona de A Cochera cedido por unha veciña, ao que se lle fixeron varias reformas para poñelo a punto. Conta con dúas salas de exposicións nas que se pode gozar das coloridas pezas de Pérez Porto, autor da estatua do Mago Merlín instalada nas proximidades do museo, na Ruta dos Sentidos.
A obra do artista baséase na representación do mundo rural e tradicional galego e os seus mitos e lendas, buscando reflectir o sentido e a defensa da identidade da terra. Unha visita ás instalacións pode ser moi enriquecedora para transmitir estes valores aos escolares ao mesmo tempo que se estimula a súa sensibilidade artística.

  • Idades: Terceiro ciclo de Primaria, ESO e Bacharelato

  • Materias: Bioloxía, Ciencias Naturais, Xeografía e Historia, Lingua e Literatura, Educación Física, Educación Plástica, Historia da Arte

  • Duración:
    Ruta Muíños: entre dúas e tres horas, 6 km, dificultade baixa
    Ruta dos Sentidos: sobre dúas horas, 3 km, dificultade baixa
    Ruta da Poza da Lagoa: sobre dúas horas, 3 km, dificultade media. A Ruta dos Muíños ten unha unidade didáctica para traballar na aula. Solicítaa no enderezo avvvalledeesmelle@gmail.com.

  • Horario museo: Xoves de 17.00 a 20.00 horas. Sábados de 11.00 a 13.00. Prezo: 1€
    Reservas para grupos: avvvalledesmelle@gmail.com / 629 368 114
    Información sobre aluguer de bicicletas: no 646 109 150 ou en cbttvalledeesmelle@gmail.com

rutas por Ferrol