O Día Mundial da Educación Ambiental celébrase cada 26 de xaneiro co obxectivo de concienciar sobre a importancia de protexer e preservar o medio ambiente, así como de difundir as iniciativas que se desenvolven para a súa conservación.

No proxecto DeExcursión estamos comprometidas co noso contorno en todos os seus aspectos, e vivindo como vivimos nunha zona onde a natureza ten unha importancia tan especial non podemos deixar de celebrar este Día Mundial da Educación Ambiental. E que mellor maneira de festexalo que falando nos nosos recursos naturais? Damos un repasiño por algúns dos máis importantes e animámosvos a que os coñezades, tanto a través de excursións escolares como de visitas en familia.

Empezamos o percorrido polo Camiño Inglés, que nos concellos da nosa zona combina unha moi importante parte patrimonial e de ruta urbana con paisaxes espectaculares á beira da ría de Ferrol.

As praias son outro dos nosos recursos máis senlleiros. A de Doniños, en Ferrol, especialmente recomendable para as persoas afeccionadas ao surf; as de Fene, con augas tranquilas e seguras; arenais urbanos como os de Cariño, Cedeira ou Espasante e as praias de augas máis bravas que podemos atopar por toda a costa fan de Ferrolterra un lugar especialmente privilexiado neste aspecto.

E, sen perder de vista a auga, destacan tamén o lago das Pontes, que é xa todo un referente medioambiental na zona, ou a impresionante fervenza do Belelle, un salto de auga ao que se chega por unha fermosa ruta sendeirista á beira do río.

O noso litoral ten tamén cantís espectaculares, moitos deles poden verse nun percorrido polas baterías de costa ou por faros como os de Cabo Ortegal, Punta Candieira ou Cabo Prioriño, todos eles xestionados pola Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao. Tamén destacan as paisaxes desde a serra da Capelada, onde precisamente se atopan os acantilados mais elevados da Europa continental.

Na meirande parte dos nosos concellos, os espazos naturais téñense posto en valor coa habilitación de áreas recreativas ou paseos onde poder gozar da natureza e do contorno dispoñendo ademais dalgúns servizos básicos. É o caso do paseo de Xubia -entre Narón e Neda- o arboreto de San Sadurniño, Souto Grande en Moeche ou o lugar do Castro en Cerdido.

Non se pode perder tampouco a vista desde o miradoiro do coto de Ancos ou os percorridos pola parroquia ferrolán de Esmelle, onde están habilitadas diferentes rutas moi axeitadas para descubrir fermosas paisaxes.

As Fragas do Eume son, sen dúbida, a xoia natural da comarca: un dos bosques atlánticos mellor conservados de Europa, pero non queda atrás a riqueza xeolóxica para a que está en preparación a declaración de Xeoparque de Cabo Ortegal. Nos sete concellos que o conforman podemos atopar algunhas das rochas máis antigas do planeta.

Hai moito máis por ver e por descubrir e temos por diante aínda unha boa parte do curso escolar. Pero a mensaxe máis importante para trasladar neste Día Mundial da Educación Ambiental é a necesidade de conservar o que temos, para que as xeracións vindeiras poidan gozar tamén destas marabillas naturais.