FENE

Separador

PRAIAS E OCIO ACTIVO

  • Concellerías de Ensino e Deportes
    Av. de Naturais, 44, entresollado. Fene

  • Teléfono: 981 340 366 / Mail: cultura.deportes@fene.gal

  • Ferrol 6 Km
    A Coruña 46 Km
    Viveiro 80 Km
    Santiago 87 Km

Fene é un bo lugar para facer cos máis novos actividades de ocio activo relacionadas co mar, especialmente nas épocas nas que o bo tempo acompaña. Ao principio e ao final do curso, cando quenta o sol, pódese aproveitar para organizar unha excursión ás encantadoras praias deste municipio, moi recollidas.
O concello conta con sete, ubicadas entre a ría de Ferrol e a ría de Ares, cunha orientación xeográfica privilexiada que ofrece, ademais, vistas fermosas do resto de calas da ribeira. Todas elas son de ría, con augas tranquilas e seguras para que os máis pequenos proben a nadar ou a facer deportes acuáticos como piragüismo ou palasurf. Ademais, son areais pequenos, pouco concorridos, e aínda que se trata de espazos non urbanizados, en plena natureza, é doado chegar a eles, polo que constitúen un destino cómodo para as excursións escolares.
Entre estas praias destacan as de Río Sandeo, Río Castro e Coído, todas elas pertencentes á parroquia de Limodre e de gran beleza paisaxística. Tamén en Limodre pódese visitar a praia de Almieiras, un pequeno areal en forma de cuncha de ambiente familiar que destaca pola tranquilidade das súas aguas e pola súa area fina. Este último posúe servizos de ducha, aparcadoiro e accesos adaptados. Tamén dispón de servizos de restauración a poucos metros.
Todos os areais están conectados a través dunha senda natural apta para facer un roteiro de sendeirismo de pouca dificultade no que se poden apreciar a fauna e flora autóctona e completar así o día de praia. Combinar unha camiñada co posterior descanso na area e un baño traquilo é unha proposta excelente para un día de excursión escolar.

  • Idades: Educación Primaria, ESO e Bacharelato

  • Materias: Educación Física, Ciencias Naturais, Bioloxía e Xeoloxía

  • Máis información: fene.gal/turismo/index-turismo/es

rutas por Ferrol

MUSEO DO HUMOR XAQUÍN MARÍN

A educación artística, fundamental para o desenvolvemento da creatividade e a sensibilidade dos nenos e nenas, ás veces é un ámbito desatendido por falta de inclinación dos pequenos. Unha visita ao Museo do Humor de Fene, que recentemente cambiou a súa denominación pola de Museo Xaquín Marín, é un bo comezo para incentivar o interese dos máis novos pola arte e ao mesmo tempo axudar a desenvolver o seu sentido do humor, tan necesario para a xestión saudable das emocións. A través das obras de salientables humoristas galegos como Siro López, Reimundo Patiño, Xaquín Marín ou Luis Davila, a rapazada poderá deixar voar a súa imaxinación, rir e aprender.
Precisamente, o debuxante Xaquín Marín foi quen fundou o museo en 1984, un ano despois de percorrer Galicia xunto con Siro López difundindo un manifesto en defensa do humor galego, un ben inmaterial que consideraban en perigo de extinción.
O museo alberga unha exposición permanente que conta con arredor de 300 pezas do máis variado: ilustracións orixinais, divertidas esculturas ou espellos cóncavos e convexos son algunhas das súas atraccións que se poden atopar nas súas salas.
Pódese solicitar unha guía para que a visita polo museo sexa máis divertida e, ademais, organízanse obradoiros artísticos para todas as idades nos que materializar as ideas e creatividade do alumnado.
O museo estreou recentemente na súa web un espazo de percorridos virtuais polas súas instalacións que se pode mostrar na aula antes da visita para suscitar o interese dos alumnos polo que se van a atopar. Unha desas exposicións é a antolóxica de Xaquín Marín, que xa non está dispoñible no museo pero que é posible coñecer virtualmente como complemento da visita física.

  • Idades: De Infantil a Bacharelato

  • Materias: Educación Plástica, Ciencias Sociais, Debuxo

  • Horarios: Visitas guiadas en horario de mañá de luns a venres de 10:00 a 13:00
    Máis información:
    fene.gal/museo-do-humor/portada-museo-humor/gl
    Teléfonos: 981 342 400 / 981 341 451
    Enlaces a percorridos virtuais:
    Á exposición “Volta á Orixe” my.matterport.com/show/?m=LQdGRM4MdME

rutas por Ferrol