CARIÑO

Separador

O BARRIO MARIÑEIRO

  • Casa do Concello
    Avenida da Paz, 2
    Cariño

  • Tlfo: 981 405 064
    www.concellodecarino.gal

  • Ferrol 55 Km
    A Coruña 94 Km
    Viveiro 54 Km
    Santiago 137 Km

Cariño é unha localidade costeira situada no extremo norte de Galicia cunha tradición mariñeira moi importante e unhas paisaxes e cantís envexables. O seu nome podería ter a súa orixe no antropónimo Carinus, que sería o propietario destas terras en tempos pasados. As súas actividades principais foron desde hai décadas a pesca e a industria conserveira e as dúas están totalmente reflectidas no núcleo principal da vila, o barrio mariñeiro, formado polas casas típicas dos pobos galegos que viven do mar. Estas construcións caracterízanse polas fachadas de cores vivas e alegres, a súa estreiteza e as galerías balconadas. Atópanse moi pegadas entre si e están moi próximas ao peirao e a praia da Concha.

Cariño ten a súa o orixe na época dos castros. De feito, moi cerca da zona histórica consérvase un castro da Idade de Ferro que puido estar habitado no 3.000 a. C. A praia da Concha é outro dos lugares a ter en conta á hora de visitar Cariño, xa que pode ser un atractivo para os escolares se o tempo o permite. Ten un paseo marítimo que percorre todo o areal e conduce ata a ruta de sendeirismo de Figueroa. Outra visita obrigada son os miradoiros, que ofrecen unhas vistas excepcionais de todo o pobo e que son os da Rúa Antiga, o Pósito e o Castro. Como actividade complementaria é recomendable unha visita á nave das redeiras -tamén chamadas atadoras- que reparan de xeito artesanal as redes de pesca.

A ficha

  • Ruta urbana
  • Materias relacionadas: Ciencias Sociais, Ciencias Naturais, Xeografía e Historia, Educación Plástica, Tecnoloxía, Bioloxía
  • Idades: Desde Educación Infantil ata Bacharelato
  • Pódese chegar en autobús (AC-862 Ferrol-Viveiro) ou en tren, xa que en Ponte Mera hai un apeadeiro de FEVE, unha liña de vía estreita que percorre a costa norte
  • No caso de que a excursión sexa en inverno ou que o día non sexa moi bo na tempada estival, pódese ir á piscina climatizada municipal
rutas por Ferrol

ROCHAS E AVES

  • Faro do Cabo Ortegal
    43°46’17.3”N 7°52’08.3”W

  • Folletos sobre a Rede Natura e itinerarios polo complexo xeolóxico do cabo Ortegal descargables en:
    www.concellodecarino.gal/que-facer-ver/

Cabo Ortegal é unha península montañosa que se caracteriza pola súa beleza paisaxística, os seus cantís e as súas especies vexetais, animais e minerais. Consta de dúas puntas: a Punta do Limo e a Punta dos Aguillóns, onde conflúen as augas do Océano Atlántico e o Mar Cantábrico. Os aguillóns son tres formacións rochosas moi antigas que desafían ao mar e que reciben ese nome pola súa forma punzante. Estas rochas xa foron citadas no século II polo xeógrafo e matemático Ptolomeo nos seus escritos, que as chamou “Trileuco” (que significa “Os tres brancos”), moi posiblemente pola espuma branca que se forma na auga despois das fortes batidas do mar.

Pódese observar a súa beleza desde o miradoiro do Cabo Ortegal, que conta tamén cunhas vistas impresionantes aos Cantís de Herbeira e do Limo, os máis elevados de toda a Europa Continental, cunha pendente de 80 graos. A nivel xeolóxico, podemos atopar unha das concentracións mundiais máis importantes de Ecloxitas e Piroxenitas, ademais da existencia de diferentes tipos de Granulitas. Cariño forma parte do Proxecto de Xeoparque Cabo Ortegal. A zona de Ortegal é perfecta para a observación de diferentes tipos de aves grazas á existencia de áreas protexidas no municipio para practicar “birding”. Centos de aves pasan cada ano polas costas na súa ruta migratoria e máis de 10.000 especies se xuntan na ría durante o inverno. Ademais de aves, é posible tamén a observación de cetáceos como delfíns ou baleas viaxeiras.

A ficha

  • Ruta de natureza
  • Materias relacionadas: Ciencias Naturais/ Bioloxía
  • Idades: Quinto e sexto de Primaria, Secundaria, Bacharelato
  • Actividades gratuítas
  • Recomendacións: Levar protección contra o vento na visita a Cabo Ortegal, prismáticos e cámara de fotos
rutas por Ferrol

AS CONSERVEIRAS

  • Conservas La Pureza
    Rúa do Río Grande, 2

  • Contacto para visitas guiadas:
    981 405 004
    650 870 525
    info@lapureza.es

Cariño ten a súa tradición industrial nas fábricas de conservas e de salgaduras. Esta actividade iniciouse no século XVIII e tivo o seu mellor momento económico na década dos 60 do século pasado. Nesa época contabilizáronse 24 fábricas nunha vila de apenas 5.000 habitantes e que pouco a pouco ía crecendo máis e máis. Esta actividade deixou tamén pegada na arquitectura local. A maior parte das construcións son antigas fábricas familiares instaladas no mesmo edificio que as vivendas. As fachadas teñen un porte señorial de principios do século XX que aportan á vila unha personalidade única cunha historia e un patrimonio moi rico.

Aínda hoxe seguen funcionando algunhas destas fábricas e constitúen un referente moi importante no seu sector. Unha delas é a Conserveira La Pureza, pertencente á familia Docanto e que está en activo desde 1924. Elabora conservas de peixe e mariscos de forma artesanal, ademais de marmeladas e conservas vexetais que distribúe a través da marca Amieiro. Ofrecen visitas guiadas para que os escolares poidan ver cos seus propios ollos o proceso de enlatado dos produtos, ademais de coñecer como se seleccionan as materias primas e os estritos controles de calidade que teñen que superar.

A ficha

  • Ruta patrimonial industrial
  • Materias relacionadas: Ciencias Sociais, Xeografía e Historia, Tecnoloxía, Ciencias Naturais
  • Idades: Quinto e sexto de Primaria, Secundaria, Bacharelato
  • O estacionamento é grande (pódese aparcar na entrada do porto ou na zona alta da vila)
  • Actividades gratuítas
rutas por Ferrol