NEDA
LENDAS E NATUREZA
Monte de Ancos 43°31’03.6”N 8°08’28”W
Concello de NedaTel. 981 380 039
neda.galFerrol 13 Km
A Coruña 53 Km
Viveiro 78 Km
Santiago 97 Km
Neda posúe unha das panorámicas máis impresionantes da ría de Ferrol. Desde o miradoiro situado no monte de Ancos a aproximadamente 262 metros de altitude pode contemplarse a cidade de Ferrol e a desembocadura do río Grande de Xubia. Incluso, en días despexados no horizonte pode divisarse a vila de Sada e a cidade da Coruña.
Estas privilexiadas vistas requiren de certo esforzo para chegar ata a cima, pois a vía posúe unha pronunciada pendente durante tres quilómetros. Sen embargo, ao carón do miradoiro hai un pequeno espazo para estacionamento de vehículos, polo que sería a opción máis axeitada para realizar unha visita escolar de forma segura e apta para nenos e nenas de diferentes idades.
No cumio máis baixo dos tres que ten este monte están os restos do castro de Ancos. Sobre este existe a lenda da antiga cidade de Libunca, que foi unha urbe supostamente habitada nesta zona ata ben entrada a Idade Media. Xunto ao castro está a Fonte da Aureana, asociada tamén a unha curiosa lenda.
A vila de Neda posúe ademais outros atractivos no seu casco antigo, e numerosos espazos adecuados para descansar e xogar cos pequenos. O seu paseo marítimo percorre a liña do litoral desde municipio ata o límite con Narón e conta con diferentes bancos e áreas de descanso, tres parques infantís e unha pista polideportiva na que xogar ao aire libre.
Idades: Desde Primaria a Bacharelato
Materias: Ciencias Naturais, Ciencias Sociais, Xeografía e Historia, Educación Física
Recomendacións: Levar prismáticos ao monte de Ancos enriquecerá a visita. Tamén son recomendables no paseo marítimo para observar as aves que alí descansan
A IMPORTANCIA DA AUGA
Fervenza Belelle 43°28’56.1”N 8°07’16.8”W
Concello de Neda. Tlf. 981 380 039
O patrimonio ambiental de Neda é enorme, sendo a auga un dos bens de maior relevancia do municipio, tanto polo seu valor natural como polo seu uso en diferentes industrias.
Un espazo de gran relevancia é a Fervenza do Río Belelle, que con 45 metros de caída ofrece unha das paisaxes fluviais máis impresionantes da comarca. Na base hai diferentes pozas nas que adoitan mergullarse os máis atrevidos durante a época estival. O mellor momento para visitala é no outono e no inverno, pois o caudal do río aumenta e a auga cae con moita máis forza e intensidade.
Pode ser de interés a guía “O río Belelle ao natural”, que está a disposición das persoas interesadas na Biblioteca Municipal e que é obra do profesor Lois Anxo Rodríguez. Nela hai diferentes propostas para desenvolver experiencias e actividades sinxelas con nenos e nenas de distintos niveis educativos nesta extraordinaria contorna.
Hai varias rutas pola zona, unha delas é circular e comeza no pazo de Isabel II, que foi unha antiga fábrica de tecidos inaugurada en 1843. Ao seu carón hai unha pequena área para estacionar. O camiño avanza á beira do río Belelle, onde no pasado chegaron a existir ata 40 instalacións tales como muíños, fábricas ou ferrerías. No primeiro tramo do roteiro pásase xunto ao muíño da Barcia e a central hidroeléctrica de Neda, que comezou a funcionar a principios do século XX e que na actualidade segue en activo.
Unha vez cruzas o río pódense escoller diferentes itinerarios. Un deles conduce ata os pés da fervenza, mentres que outro ascende pola ladeira da montaña ata un miradoiro-cenador de madeira desde o que se pode apreciar a caída da auga da fervenza. Outro itinerario permite subir ata o miradoiro de Viladonelle, desde onde hai unhas incribles vistas da paisaxe.
A auga é un elemento moi prezado para Neda. A súa calidade está ligada ao seu produto máis popular, o pan. É coñecida como a capital do trigo de Galicia polo seu riquísimo pan, cun sabor e textura que o fan realmente especial. Tal é a importancia, que a primeira semana de setembro desde hai máis de 30 anos, organizan a coñecida como Festa do Pan.
Idades: Desde Infantil a Bacharelato
Materias: Educación Física, Ciencias Naturais, Xeografía e Historia, Bioloxía
Duración: Estímase en media xornada cada unha das rutas
Recomendación: Levar auga e roupa e calzado axeitados para camiñar. Ter especial coidado durante o inverno porque o chan pode estar esvaradío