CEDEIRA

Separador

A VILA

  • Oficina de Turismo: Palacete Municipal
    Avenida de Castelao s/n Tel. 981 482 187

  • Tlfo: 981 18 00 00
    turismo.cedeira.gal 

    mar.lopez@cedeira.es

  • Ferrol 34 Km
    A Coruña 80 Km
    Viveiro 61 Km
    Santiago 123 Km

É tal a vinculación de Cedeira co mar, que ata o seu nome, que procede do latín cetarea, fai alusión ás especies mariñas. “A Peixeira”, como popularmente é coñecida a escultura de Guillermo Feal que desde os anos 80 se levanta sobre a roca chamada “o Pericoto” na estrada que vai ao porto, é toda unha icona da localidade e confirma a fonda tradición pesqueira e mariñeira, actividade económica que marcou tamén o estilo das vivendas e do urbanismo cedeirés.

Aínda que é unha vila de pequeno tamaño, ten moitas zonas verdes e espazos nos que a rapazada pode xogar e divertirse. O concello apostou nos últimos anos por potenciar o deporte e as actividades ao aire libre, e instalou diferentes infraestruturas como unha tirolesa unha tirolesa de 28 metros de longo, un “skate bowl” –unha bañeira con superficie irregular e formas redondeadas para patinar, ou un parque de calistenia, no que mozos e mozas poden practicar esta disciplina dirixida a mellorar a musculación. Todos estes elementos están no parque do Camiño Real, onde tamén hai moito espazo libre, con herba ou pavimentado, para desenvolver todo tipo de xogos e actividades así como diferentes parques infantís con randeeiras, tobogáns e outros elementos adaptados para diferentes idades, desde as máis temperás.

A oferta de actividades gratuítas para facer en exterior en Cedeira é enorme, e ademais conta con dúas praias urbanas de fácil acceso: A Madalena, situada ao longo do Camiño Real, e Area Longa na zona do porto, ambas con area branca e fina e augas calmadas, que as converten no espazo ideal para mergullarse ou practicar algún deporte acuático. Estes areais dispoñen de duchas e servizos de restauración próximos.

  • Idade: Primaria e ESO

  • Materias: Ciencias Sociais, Xeografía e Historia, Ciencias Naturais, Educación Física

  • Máis información: Cedeira é un municipio de interese turístico, polo que a súa Oficina de Turismo abre todo o ano e ofrece asesoramento para preparar calquera visita. Recoméndase consultar a web turismo.cedeira.gal ou ben chamar ao 981 482 187

rutas por Ferrol

O MAR

  • Casa do Pescador. Camiño de Arealonga, 1

  • 620 972 981

  • www.maresdecedeira.gal

    maresdecedeira@gmail.com

A tradición pesqueira é o motor desta vila, coñecida dentro e fóra de Galicia pola calidade do seu peixe e do seu marisco. En 2009, a ría cedeiresa foi declarada Reserva Mariña de Interese Pesqueiro, unha distinción que promoveu a protección e a explotación sostible do fondo mariño. O Concello leva anos traballando na posta en valor do patrimonio mariñeiro, sobre o que é posible consultar diferentes recursos na súa web.

Para que os pequenos poidan descubrir en profundidade a vida mariñeira, é indispensable concertar unha visita coa confraría para visitar a Lonxa de Cedeira. Aquí os escolares poderán coñecer de cerca como é o funcionamento das instalacións, o procedemento de compra-venta de peixes e mariscos, os métodos de etiquetado e as técnicas de pesca que se empregan na zona.

Para completar esta xornada e seguir aprendendo sobre a vida do mar, é de grande interese achegarse ata o Museo Mares de Cedeira, que abriu no ano 2016 e desde entón non para de aumentar grazas as diferentes doazóns da veciñanza.

Neste centro podemos atopar embarcacións, útiles de navegación, aparellos de pesca, fotografías… Unha das coleccións destacables do museo é a de malacoloxía, cedida por Manuel Suárez, que conta con máis de 5.000 cunhas de bivalvos e gasterópodos.

É posible concertar visitas guiadas para centros escolares, así coma tamén se pode solicitar a organización de diferentes actividades lúdicas. Para o alumnado de maior idade, obradoiros nos que aprender a facer nós mariñeiros ou lectura de cartas náuticas. E para todas as idades, un xogo de pistas agochadas polas instalacións coas que teñen que chegar ata unha mensaxe oculta.

Este museo está integrado na Rede de Espazos Museísticos Atlánticos (REMA), á que tamén pertencen outros espazos de difusión do patrimonio marítimo e pesqueiro de Galicia, Asturias e Portugal.

  • Idade: De Infantil a Bacharelato

  • Materias: Ciencias Naturais, Bioloxía e Xeoloxía, Ciencias Sociais, Xeografía e Historia

  • Horario: Horario de verán (desde o 1 de xuño ao 30 de setembro): de mércores a domingo de 11:00 a 14:00 e de 16:00 a 19:00. Horario de inverno (do 1 de outubro ao 31 de maio): de martes a domingo de 10:30 a 13:00

  • Prezo da entrada ao museo: entrada gratuíta para menores de 7 anos, 1 euro para nenos/as entre 7 e 10 anos e 2 euros para maiores de 10 anos.

  • Máis información sobre o museo: maresdecedeira.gal
    www.turismoortigueira.com/rutas/espasante-ruta-de-los-marineros

  • Visitas á lonxa: Contacto da Confraría 981 480 389

rutas por Ferrol

UN PASEO POLA HISTORIA

  • Oficina de Turismo: Palacete Municipal

    Avenida de Castelao s/n

  • Teléfono: 981 482 187

  • turismo.cedeira.gal

    mar.lopez@cedeira.es

  • Ferrol 38 Km
    A Coruña 83 Km
    Viveiro 64 Km
    Santiago 127 Km

No leste da vila de Cedeira, asomándose por riba do peirao, atópase a península do Sarridal, unha zona sorprendente pola súa beleza e pola concentración de elementos patrimoniais que aquí se sitúan.

Un dos máis importantes é o xacemento arqueolóxico do Sarridal. É un castro que segundo os achados que se atoparon ata o momento, estivo habitado desde o século V a.C. ata o IV d.C, da época castrexa ata a entrada dos visigodos e a cristianización. O complexo presenta un sistema defensivo con dous fosos e unha muralla. Entre os seus elementos, destaca o monumento con forno, que funcionaba como sauna de vapor. A técnica do carbono 14 datouna no 230 a.C. e é a quinta deste tipo achada en Galicia. O Concello non deixa de facer novas campañas de escavación ano a ano, polo que van sumándose novos achados que confirman a importancia do enclave.

Moi preto do castro está situado o Castelo da Concepción, unha fortaleza militar construída en 1747 polos propios veciños con fondos da Coroa, a raíz dun ataque da frota inglesa á ría de Cedeira e testemuña das cruentas batallas que a Armada Española mantiña coas flotas inglesa e francesa. No interior hai un centro de interpretación do Castro Sarridal, no que se expoñen obxectos achados durante as escavacións, así como unha mostra sobre a historia de Cedeira nos séculos XVIII e XIX. Entre as pezas procedentes do xacemento castrexo destaca unha moeda romana co rostro de Vibia Sabina, muller do emperador Adriano, datada do I a.C.

Nesta costa tamén se atopan unhas antigas cetarias, que foron rehabilitadas hai pouco e que configuran unha paisaxe singular, nas que os barcos pesqueiros de Cedeira gardaban hai máis de medio século o peixe e o marisco vivo para logo envialo a diferentes puntos do país. A poucos metros de aquí están as escadas de madeira polas que se baixa á paradisíaca cala de Sonreiras, con augas cristalinas e rodeada de natureza. As empinadas escaleiras que baixan á praia prolónganse tamén para chegar ás cetarias, que igualmente poden ser admiradas desde un mirador no alto do cantil.

O acceso á península do Sarridal pode facerse andando desde o porto e subindo pola escaleira que hai na marxe do Castelo –á a opción máis recomendable, deixando o autobús no peirao-, ainda que tamén hai acceso por unha estreita estrada para chegar a un aparcadoiro habilitado moi preto do Castelo.poñen algúns dos obxectos atopados durante a escavación, como unha moeda romana datada no I a.C.

  • Idade: De Primaria a Bacharelato

  • Materias: Ciencias Naturais, Bioloxía e Xeoloxía, Ciencias Sociais, Xeografía e Historia, Educación Física

  • Máis informacións:
    castrosarridal.es

  • Prezo: Gratuíto

  • Horarios: Consultar coa Oficina de Turismo a dispoñibilidade de horarios e visitas guiadas ao Castelo da Concepción.
    Contacto: 981 482 187

rutas por Ferrol

SERRA DA CAPELADA E SANTO ANDRÉS DE TEIXIDO

  • Oficina de Turismo: Palacete Municipal
    Avenida de Castelao s/n Tel. 981 482 187

  • turismo.cedeira.gal

    mar.lopez@cedeira.es

En maio pasado chegou a esperadísima confirmación de que o Xeoparque Cabo Ortegal entra na rede da Unesco, un recoñecemento que confirma a todo o conxunto, e en particular á Serra da Capelada como un conxunto montañoso singular e único no mundo, con paisaxes espectaculares e particularidades xeolóxicas que é apaixoante descubrir.

A Capelada destaca por posuír os cantís máis altos da Europa Continental, con incribles vistas da costa do noroeste atlántico. Na garita da Herbeira, unha construción de pedra do século XVIII que servía para a vixilancia costeira é onde se sitúa o punto de maior altitude: a 620 metros de altura sobre o nivel do mar. Desde este miradoiro se poden divisar as illas Sisargas e a Punta de Estaca de Bares. Son moi recomendables as “xeorrutas” –consultar a páxina específica do Xeoparque-, diferentes percorridos guiados que configuran interesantes leccións de xeografía sobre o terreo.

Unha das actividades novidosas que se poden facer na Capelada é o percorrido pola vía ferrata “Senda do Santo”, de momento é a única vía ferrata de Galicia. Trátase dun percorrido para practicar a escalada por paredes verticais e horizontais, preparados cos oportunos banzos, cravoz, pasamáns, cadeas, pontes ou tirolesas para superar as dificultades sen necesidade de ter experiencia na disciplina. Porén, é unha actividade de risco e o Concello ten publicado un reglamento de uso que é preciso consultar. En xeral, os grupos de menores –poden participar a partir dos 12 anos, sempre nas condicións especificadas no reglamento- deben organizar o percorrido a través dalgunha das empresas de turismo activo autorizadas.

Desde a vía ferrata as vistas ao mar e os cantís son impresionantes, pero tamén se pode ver no medio deste fermoso paraxe o pobo de Santo André de Teixido, ao que, segundo di a tradición, “vai de morto quen non foi de vivo”. Envolta en lendas e mitos, esta vila é un espazo de culto relixioso desde tempos prerrománicos, que nos últimos anos está espertando cada vez máis interese turístico. O seu santuario é o segundo maior centro de peregrinaxe de Galicia despois de Santiago de Compostela.

Na contorna é habitual toparse con cabalos e vacas en liberdade. Unha vez ao ano, en xuño, celébrase a rapa das bestas, unha tradición ancestral na que os cabalos son guiados ao recinto do curro para cortarlles as crinas.

Ademais, pola Capelada e Santo André de Teixido vai o chamado Camiño do Mar, unha variante do Camiño do Norte que está en proceso de ser recoñecido como Ruta Xacobea a Santiago e que ten a particularidade de ser o único itinerario que pasa polos dous puntos de peregrinación de Galicia.

  • Idade: De Infantil a Bacharelato

  • Materia: Ciencias Naturais, Bioloxía e Xeoloxía, Xeografía e Historia

  • Material didáctico sobre mitos, lendas e contos: es.slideshare.net/PepaBotellaPrez/unidad-didctica-mitologa

  • Máis información:caminoasanandres.com/asociacion

  • Historia de Santo André de Teixido: turismo.cedeira.gal/conece-cedeira/san-andres-de-teixido

rutas por Ferrol