MOECHE
OCIO E ACTIVIDADES LÚDICAS
Concello de Moeche. San Ramòn s/n
Tel. 981 404 006
www.moeche.galFerrol 28 Km
A Coruña 68 Km
Viveiro 70 Km
Santiago 111 Km
O patrimonio natural de Moeche é un dos seus puntos fortes, pois conta con numerosos espazos verdes equipados con servizos que os fan ideais para pasar un día de excursión.
A Área Recreativa de Souto Grande está situada no chamado Fondo de Moeche, á marxe do río Xuvia. O gran atractivo deste espazo é a súa piscina ao aire libre, perfecta para refrescarse no verán. Ademais posúe mesas, grellas, un parque e unha cafetaría, que o converten no lugar ideal para unha xornada en familia ou coa escola.
A Feira de Moeche é outra das actividades de maior interese do municipio, pois é una das máis antigas de Galicia que continúan celebrándose na actualidade. Ten lugar os días 11 e 23 de cada mes, e atrae a unha morea de persoas que van en busca de materias primas locais e de calidade, como pan, froitas, verduras, empanada, mel ou carne e produtos artesanais e tamén gando.
Este feira reivindica o valioso papel das feiras no mundo rural, polo que é unha actividade perfecta para facer cos pequenos e pequenas, ensinándolles a importancia de valorar os produtos de proximidade e o comercio local.
Recentemente, o Concello recuperou a actividade do seu circuíto de seguridade viaria, situado no recinto feiral de San Ramón. O espazo foi proposto e deseñado pola rapazada de Moeche, para aprender sobre seguridade na condución dunha forma máis realista.
O Circuíto Modestino, nome posto polos seus promotores, conta con cascos, bicicletas, karts a pedais, chalecos e outros materiais para que os pequenos poidan aprender as normas de circulación como peóns e como condutores, concienciándose dos perigos da estrada e aprendendo a actuar de xeito responsable.
Idades: Desde Infantil ata Bacharelato
Materias: Ciencias Naturais, Bioloxía, Educación Física, Xeografía e Historia
Prezo da piscina: Menores de 3 anos gratis; menores de 12 anos, 1,50 €; e maiores de 13 anos, 2,80 €
Horario da piscina: En xuño, de luns a vernes de 16:00 a 21:00 e sábados, domingos e festivos de 14:00 a 21:00. En xullo e agosto, de luns a venres de 15:00 a 21:00 (de 12:00 a 13:00 para cursos de natación) e sábados, domingos e festivos de 14:00 a 21:00. En setembro, de luns a venres de 16:00 a 20:00 e sábados, domingos e festivos de 14:00 a 20:00
Horario do circuíto: Conectar previamente co Concello no teléfono 981 404 006 ( luns a venres de 8:30 a 14:00)
O CASTELO
Concello de Moeche. San Ramón s/n
Tel. 981 404 006
www.moeche.galFerrol 28 Km
A Coruña 68 Km
Viveiro 70 Km
Santiago 111 Km
O castelo de Moeche, situado na parroquia de San Xurxo, posúe un gran valor histórico e patrimonial que o converte no principal atractivo da localidade. Esta fortificación medieval, declarada Ben de Interese Cultural, foi mandada construír no século XIV posiblemente por García Rodríguez de Valcárcel, para controlar as súas terras. Situada no medio dun val, esta fortaleza atópase nun bo estado de conservación grazas á protección das montañas que o rodean e ás diferentes restauracións que se fixeron.
De planta octogonal irregular, esta fortaleza destaca tamén polo seu foso, escavado na rocha; a torre da homenaxe, que é unha das partes mellor conservadas; ou o patio de armas. Foi o escenario das emblemáticas Revoltas Irmandiñas, as primeiras guerras entre o campesiñado e os señores feudais que se produciron en Europa no século XV.
En 1467 estoupa en Ourense unha revolta social que pretendía rematar cos abusos exercidos por unha nobreza acostumada aos privilexios, independentemente da familia que os posuíse. Aproveitando o éxito das revoltas locais previas, a Gran Revolta Irmandiña conseguiu destruír uns 150 castelos de todo o Reino de Galicia.
O castelo de Moeche, propiedade naquel momento do maior nobre galego, o Conde de Lemos, viu como os seus muros foron derrubados pola furia irmandiña e como logo foron reconstruídos polas mesmas mans que os abateron unha vez a nobreza consegue impoñerse no 1469.
Cada mes de agosto desde 1980 celébrase en Moeche o Festival Irmandiño, no que se conmemoran estes acontecementos históricos. Este evento atrae moita xente, pois hai concertos e actividades variadas, ademais da representación do asalto ao castelo protagonizada pola veciñanza de Moeche.
Para visitar o interior da construción é posible reservar previamente unha visita guiada. Ademais, no castelo atópase o Centro de Interpretación das Revoltas Irmandiñas, no que podemos ver unha exposición permanente sobre a historia do castelo, as Revoltas Irmandiñas e o que supuxeron para o cambio de paradigma da Idade Media á Moderna en Galicia.
Idades: Primaria, ESO e Bacharelato
Materias: Xeografía e Historia, Ciencias Sociais, Ciencias Naturais (Galicia nun ferrado, plantación ao pé do castelo que recolle 37 especies arbóreas silvestres e un panel explicativo)
Horarios: Mudan en función da época do ano. Pódense consultar na web www.moeche.gal.
Prezo: 1,50 € para grupos de escolares (para o centro escolar de Moeche é gratuíto), familias numerosas, rapazada entre 6 e 16 anos e maiores de 65 anos. A entrada xeral custa 2,50 €.