Como os nenos e nenas, a revista DEEXCURSIÓN vai medrando e cumpre xa tres anos. Quen coñecedes a publicación xa sabedes que o seu obxectivo é ser unha ferramenta de utilidade para o profesorado e tamén para as Anpas, de xeito que percorrendo as súas páxinas poidan anticipar na súa imaxinación esa saída escolar que permitirá aos seus alumnos e alumnas pasar unha xornada diferente, gozando cos seus compañeiros de lugares moi próximos e ás veces aínda moi descoñecidos.
Quen todavía non tivéchedes nas vosas mans a revista podedes saborear por vez primeira unha iniciativa con contidos que dan para moitas excursións, pero que quere ser fresca e apuntar cada ano novas posibilidades. Así, nesta edición engadimos ás propostas relacionadas coa arqueoloxía que xa recollimos nas anteriores unha nova ruta en Cedeira para coñecer as interesantes escavacións que veñen de se levar a cabo neste concello. E sumamos tamén unha páxina adicada ao Museo Naval, en Ferrol, que conta a través das súas interesantes pezas a historia da Armada.
Falamos ademais neste novo número de proxectos que están xerminando e que van camiño de se converter en referentes turísticos de primeira liña e, como non, en recursos didácticos especialmente interesantes, como é o caso do Xeoparque Cabo Ortegal. E sumámonos á difusión da campaña que se desenvolve no Concello de Narón baixo o lema “100.000 motivos de peso”, para loitar contra o sedentarismo e obesidade a través da creación dunha pioneira escola cardiosaudable na que tamén se implica o Centro de Formación e Recursos do Profesorado.
O curso escolar é longo e necesita de estímulos, non só para os estudantes. Visitar aquel museo, aquela paisaxe asombrosa, aquela vila con historia ou aquel monumento, e mesmo compartir un día de xogos a través dalgunha das numerosas propostas que vos presentamos en DEEXCURSIÓN vai servir, sen dúbida, para osixenar a profesores e alumnos e para tomar con máis folgos o traballo na aula.
Saímos de excursión?
