SAN SADURNIÑO

Separador

ESPAZOS VERDES

  • Casa do Concello de San Sadurniño
    Casal, 16
    sansadurnino.gal

  • Ferrol 21 Km
    A Coruña 61 Km
    Viveiro 74 Km
    Santiago 103 Km

Dinamizar e poñer en valor os espazos verdes é un dos obxectivos do Concello de San Sadurniño desde hai máis dunha década. O proxecto “Terra de vida”, xestionado pola cooperativa Rexenerando, naceu para visibilizar os terreos da Cortiña, un ecosistema de gran valor na localidade, a través de percorridos e obradoiros para escolares e familias.
A Ruta da Natureza é un itinerario circular de tres quilómetros que une diferentes puntos de interese á beira do Xuvia. O percorrido comeza no Pazo da Marquesa, un edificio que alberga actualmente a Casa do Concello e que data do século XVI. A edificación, vinculada ao Señorío de San Sadurniño e ao posterior Marquesado, foi un espazo de referencia para a aristocracia española nos inicios do século XX, coa visita de políticos, escritores ou mesmo do rei Alfonso XIII.
Os exteriores do pazo están deseñados conforme á moda dos xardíns franceses da época, con elementos decorativos exóticos e con gran variedade botánica foránea. O camiño segue á marxe do Xuvia, con paradas para continuar explorando a zona a través dos sentidos, con historias e contos que fomentan a educación e o respecto ambiental.
Neste contorno sitúase o arboreto, un xardín botánico composto por unha mostra das especies arbóreas máis representativas de Galicia: a carballeira, o souto, o bidueiral, o bosque de ribeira, o faial, o sobreiral e a fraga. A Fraga Máxica completa este espazo con figuras de madeira deseñadas polos artistas locais Carlos García e Marina Goti. Trasnos, gnomos, dragóns e outros animais mitolóxicos ou de fábula en gran formato intégranse nun contorno que deixa espazo á imaxinación.
No recinto atópase tamén a horta de froiteiras de Carlos Fornos, con máis de 500 exemplares de diferentes especies, que naceu co obxectivo de recuperar as variedades autóctonas en perigo de extinción. E ademais, nos arredores atópase o apiario didáctico, no que aprender sobre a vida das abellas.
O arboreto e a horta teñen un gran valor ambiental e forman parte da Rede Natura, onde tamén se inclúen o paseo fluvial, o río Castro e a serra do Forgoselo. Ademais, a zona de San Sadurniño está inserida no Xeoparque do Cabo Ortegal, que obtivo recentemente o recoñecemento da Unesco pola súa riqueza xeolóxica e que ofrece diferentes xeorrutas polo municipio.
Rexenerando ofrece tamén obradoiros de educación ambiental e consumo responsable, cos que explorar os espazos verdes combinando lecer e contacto coa natureza.
San Sadurniño conta con variedade de actividades para facer en familia ou coa escola. Durante o ano celébranse eventos como a Carreira Popular, a Feira Rural ou a da Plantación.

  • Idades: Dende Educación Infantil ata Bacharelato

  • Materias: Ciencias Naturais, Bioloxía, Ciencias Sociais, Xeografía e Historia, Educación Física

  • Máis información: Para visitas guiadas á horta de conservación de froiteiras e o apiario contactar co concello de San Sadurniño no 981 490 027
    Para saber máis poden consultarse folletos e mapas turísticos na web
    sansadurnino.gal/paisaxe

rutas por Ferrol

OCIO ACTIVO E LECER

  • Casa do Concello de San Sadurniño
    Casal, 16
    sansadurnino.gal

  • Ferrol 21 Km
    A Coruña 61 Km
    Viveiro 74 Km
    Santiago 103 Km

O municipio de San Sadurniño conta con espazos naturais de gran beleza que poden ser percorridos a través de diferentes rutas de sendeirismo. Os mapas e os detalles de cada itinerario poden consultarse no apartado de turismo da web municipal.

Unha delas é a ruta do río Aceiteiro. Comeza na Casa do Concello e discorre á marxe deste afluente do Xubia durante tres quilómetros nos que se atopan muíños, bancos e travesas de madeira, pasarelas e unha ponte de pedra. De baixa dificultade, este camiño é idóneo para unha xornada en familia ou unha saída escolar.
Máis longa é a ruta do río Castro, que chega ata Igrexafeita. Está dividida en dous tramos: un de seis quilómetros, e outro de tres, que fan un percorrido de tres horas e media en total. Neste itinerario pásase por diferentes puntos de importante valor patrimonial, coma a fonte de San Roque, a igrexa de Santa María de Naraío, que segundo diferentes investigacións data do século XI, ou a ponte da Ferraría, que pertenceu á familia Andrade.

Sen embargo, o lugar máis emblemático desta ruta é o castelo de Naraío, un dos mellores exemplos de arquitectura medieval que se conservan en toda a comarca. Datado no século XIV, está erixido no alto dun penedo de 30 metros, no que tamén se conservan restos das murallas que fixeron deste espazo unha gran fortaleza en tempos pasados.

Para completar a xornada, nada mellor que refrescarse cun baño na área recreativa de Os Currás. As instalacións contan, ademais da piscina, cunha cancha na que se poden practicar diferentes deportes, mesas e lareiras para xantar e un campo de fútbol. Ademais, un mural do artista local Carlos García dálle cor ao espazo.

  • Idades: Desde Primaria ata Bacharelato

  • Materias: Educación Física, Ciencias Naturais, Bioloxía, Ciencias Sociais, Xeografía e Historia

  • Información sobre a piscina: Está aberta desde o mes de xuño ata setembro, variando as datas de apertura e peche dependendo do ano.
    O horario de baños libres é de luns a venres de 15:00 a 21:00 e sábados, domingos e festivos de 14:00 a 21:00
    As entradas individuais para baños libres teñen un custo de 1,90€ para menores de 14 anos e 3,78€ para o resto do público. Poden collerse cada día na cantina da piscina
    Máis información: sansadurnino.gal

rutas por Ferrol