Día Mundial da Educación Ambiental

Hoxe celébrase o Día Mundial da Educación Ambiental

Hoxe, 26 de xaneiro, celebramos o Día Mundial da Educación Ambiental. Unha data que ten entre os seus obxectivos concienciar da necesidade de nos involucrar no coidado na nosa contorna. En DeExcursión apostamos por esta máxima e por iso as nosas propostas inclúen moitas relacionadas coa salvagarda do medio ambiente. E para protexelo hai que aprender desde pequenos. Por iso nada mellor que unha visita á aula da reciclaxe da Ecoescola das Pontes. A súa simpática mascota, Refu, aprenderanos como xestionar os residuos domésticos e urbanos, reducindo, reutilizando e reciclando.

Xunto a esta premisa de coidar o medio, está a de gozar cos recursos naturais das comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal. O Xeodestino Ferrolterra-Rías Altas vén de poñer en servizo un novo produto turístico adicado ao turismo activo: Activo365. Na súa páxina web recóllense moitas propostas interesantes para as saídas escolares das que tamén falamos en DeExcursión. É o caso do Océano Surf Museo de Valdoviño; parque Eumenatura, no corazón das fragas do Eume;  Centro BTT no val de Esmelle (Ferrol); Club Cabanas KDM;  Club Marítimo de Redes (Ares); Northwest Paintball, en Pontedeume ou a Granxa do Souto de Ortigueira, cos seus paseos dacabalo. Son ideas que aparecen tamén na nosa revista porque teñen unha vertente especialmente deseñada para escolares. Que ben o poden pasar os rapaces e rapazas nunha excursión a calquera destes destinos!

Outras posibilidades

Se se prefire algunha actividade máis tranquila pero igualmente atractiva, na mesma web recollen outras das suxestións que tamén apoiamos en DeExcursión. Aí están a Casa do Mel de Goente (As Pontes) ou o parque temático Aldea Nova, en Narón.

Na nosa revista tedes moitas máis posibilidades para facer rutas de natureza xa que as paisaxes son un dos máis interesantes reclamos desta zona. Animádevos!