Carlos Piñeiro Díaz, Médico de Familia do centro de saúde de Narón. Magister Saúde Pública
José A. Sordo Freire, doutor en Ciencias da Actividade Física (Centro de Formación do Profesorado de Ferrol) 
Francisco Castillo Rodríguez, doutor en Xeografía e Historia (IES Ricardo Carballo Calero, Ferrol)

O Centro de Saúde e o Concello de Narón, o CHUF, Amicor e o Centro de Formación do Profesorado de Ferrol participan nesta iniciativa, incluída no proxecto comunitario de Narón «Cen mil motivos de peso»

cardioescolas

A promoción da saúde na escola defínese como “calquera actividade que se emprenda para mellorar e/ou protexer a saúde de todas as persoas na comunidade educativa”. A Organización Mundial da Saúde considera a promoción da saúde como “o proceso de capacitar aos individuos e ás comunidades para que aumenten o control sobre os determinantes da saúde e, polo tanto, poidan mellorala”. Desta forma, a promoción da saúde non só se ocupa de perseguir o desenvolvemento das habilidades individuais e a capacidade da persoa para influír sobre os factores que determinan a súa saúde, senón que tamén inclúe a intervención sobre a contorna, tanto para reforzar os comportamentos que contribúen ao desenvolvemento de estilos de vida saudables como para modificar aqueles que impiden poñelos en práctica. A estratexia resúmese como “conseguir que as opcións máis saudables sexan as máis fáciles de elixir”.

No municipio de Narón está previsto iniciar a escola promotora da saúde cardiovascular, a título experimental e dentro do Proxecto “Cen Mil Motivos de Peso Narón”, tentando transformar a escola nunha experiencia de participación comunitaria en saúde de toda a comunidade educativa, incluíndo aos estudantes, ao persoal docente e non docente, así como as nais e os pais, e incrementando o seu papel activo na toma de decisións e actividades.

O Proxecto Comunitario de Narón “Cen Mil Motivos de Peso” desenvolverá diferentes estratexias que esixen a participación comunitaria e relacionadas con menores de 15 anos, adultos e maiores. As liñas estratéxicas son a loita contra o sobrepeso e a obesidade, a nutrición, a redución do sedentarismo, a actividade física e a promoción da saúde en maiores.

A escola promotora de saúde cardiovascular orienta ás competencias, habilidades e coñecementos a través da investigación e o compromiso de todos os membros da comunidade educativa para mellorar a saúde e o benestar. Saúde e educación manteñen unha forte interconexión, observándose con evidencia científica que os nenos sans e activos logran mellores resultados na escola e asócianse cunha melloría en saúde nas etapas posteriores da vida. Esta relación entre saúde e educación forma a base das Escolas Promotoras da Saúde (EPS) da Organización Mundial da Saúde (OMS), un enfoque para promover a saúde nas escolas que considera o ambiente escolar completo.

Hai tres aspectos básicos das EPS: a inclusión da educación para a saúde no programa de estudos, o cambio no contexto social ou físico da escola e a inclusión das familias dos estudantes ou a comunidade local. Dun total de 67 ensaios que incluíron 1345 escolas con estes criterios, atopouse que as intervencións puideron reducir o índice de masa corporal (IMC) dos estudantes, aumentar a actividade física e os niveis de estado físico, mellorar o consumo de froitas e vexetais, reducir o de tabaco e minorar as condutas intimidatorias.

Aínda que os resultados se consideren como de efectos pequenos, teñen o potencial de provocar beneficios en toda a poboación. Os estudantes que teñen unha relación positiva coa escola e cos adultos de referencia, mostran menos probabilidades de adoptar condutas de risco e é máis probable que teñan resultados de aprendizaxe positivos. A promoción da saúde na escola pode apoiar a consecución de obxectivos educativos, sociais e profesionais, ademais de ter un impacto de saúde positivo na comunidade educativa.

O Proxecto Cardioescola de Narón -no que participan Centro de saúde de Narón, Centro de Formación do Profesorado de Ferrol, Servizo de Cardioloxía do Hospital Universitario de Ferrol, Asociación Amicor de Amigos do Corazón e o Concello de Narón– pretende desenvolver programas de promoción da saúde cardiovascular dirixidos á poboación infantil do municipio de Narón; axudar ás persoas para identificar e reducir os factores de risco cardiovascular; contribuír á consecución de estilos de vida saudables da poboación infantil como mellor maneira de previr a enfermidade cardiovascular; abordar os factores de risco cardiovascular e desenvolver estudos de investigación realizados polos propios estudantes.

Destacan evidencias científicas das vantaxes da promoción da saúde cardiovascular na escola, influíndo positivamente sobre a mellora do risco cardíaco dos pais, sobre todo en categorías de risco intermedio ou alto. Os mestres poden xestionar de maneira eficaz a prevención primaria da enfermidade cardiovascular adulta. As experiencias de aprendizaxe-servizo permiten aprender aos estudantes a través dun servizo á comunidade, realizando actividades socialmente útiles, e aprender co desenvolvemento e investigación destas, implicando a todos os axentes da comunidade educativa. A arteriosclerose comeza na infancia, e para conseguir a limitación da extensión das placas de ateroma na idade xuvenil é fundamental a adquisición de control dos factores de risco cardiovascular. Os nenos deben vivir a infancia de forma saudable, acudindo ao colexio camiñando, en patín ou en bicicleta, adquirindo unha cultura do movemento que reforce os seus hábitos saudables en períodos posteriores das súas vidas. Seguir unha alimentación adecuada, facer exercicio e evitar o exceso de peso contribuirá a diminuír os factores de risco cardiovascular e evitar a aparición de enfermidades crónicas nun 20%.

O laboratorio infantil da Cidade dos Nenos e as Nenas será o marco para a análise de estratexias na escola promotora da saúde cardiovascular. A comunidade educativa e a poboación xeral beneficiaranse a través dos programas que cumpran os tres aspectos da Escola Promotora da Saúde Cardiovascular.