Empeza un novo curso e, un ano máis, na revista DeExcursión poñemos a disposición do profesorado e tamén das asociacións de nais e pais unha morea de propostas interesantes e próximas para aproveitar de xeito lúdico e educativo esas saídas escolares que se programan nestas datas.

Estes son días de nervos, morriña por deixar atrás as vacacións, pero tamén de reencontros coas amizades e de expectación diante do que nos depararán os próximos meses. E nós queremos sumarlles a ilusión polas novas experiencias que poden aportar as actividades fóra da aula.

Recursos

As comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal teñen, ademais da súa indubidable beleza paisaxística, moitos recursos didácticos dos que tirar proveito. Desde patrimonio arquitectónico ata museos e centros de interpretación, cascos históricos, rutas sendeiristas, áreas recreativas, xacementos arqueolóxicos e mesmo empresas que abren as súas portas aos nenos e nenas para que poidan ver como traballan.

Na edición do presente curso, DeExcursión recolle ademais a interesante experiencia que promoven o Concello de Narón e o centro de saúde deste municipio coa colaboración do Centro de Formación e Recursos do Profesorado para poñer en marcha un proxecto de Cardioescolas. Trátase de conseguir -a través da promoción dos hábitos de vida saudables- unha poboación escolar máis san.

Na revista damos cabida tamén a un bo número de empresas que centran o seu traballo nos máis pequenos. Desde as que organizan actividades deportivas ou de lecer -que son moitas e moi variadas- ata as que desenvolven talleres de aprendizaxe ou experiencias didácticas ou mesmo ás que se pode recorrer para organizar excursións.

Aquí vos deixamos algúns datos sobre o novo curso escolar.

Invitámosvos a utilizar DeExcursión como o que pretende ser: unha ferramenta útil que aporte ideas e que contribúa a espallar o coñecemento das fermosas comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal entre os escolares. E animámosvos a compartir as vosas experiencias a través do noso Facebook.  Nel comentaremos tamén todas as novas en materia de educación.

Consulta as nosas rutas. Empeza a excursión!