A industria é moito máis que a transformación das materias primas en produtos para satisfacer un mercado. Desde un punto de vista cultural, as fórmulas de fabricación de mercadorías ou de subministración de servizos ao longo da historia teñen un alto valor histórico, social, tecnolóxico…a través do patrimonio industrial coñecemos mellor quen somos, como chegamos ata aquí.

Nas comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal hai moitas oportunidades para coñecer o patrimonio industrial e tamén moita industria en activo. Desde DeExcursión propoñémosvos tres saídas que non vos deixarán indiferentes. Todas elas están abertas a grupos escolares ou doutro tipo e son tamén moi recomendables para familias con nenos e nenas.

As Pontes, experiencia industrial no Eume

O Concello das Pontes fixo hai anos unha clara aposta polo turismo industrial. Ao longo de todo o ano organiza visitas, con diferentes percorridos posibles, para coñecer mellor o seu pasado como un gran centro produtor de enerxía eléctrica e tamén o seu presente, máis diversificado, con industrias que son punta de lanza en diferentes sectores. 

patrimonio industrial

O máis recomendable é visitar a web www.experienciaindustrial.es , na que se detallan as dúas grandes opcións para coñecer a industria pontesa. Por un lado está o patrimonio industrial, con rutas de 5 a 11 quilómetros, nas que descubrir unha das xigantes rotopalas coas que se extraía o mineral da antiga mina, así como o enorme lago no que actualmente está convertido o oco que deixou o mineral.

O percorrido permite asomarse a diferentes capítulos da historia da xeración de enerxía na localidade, desde os primeiros muíños á central térmica actual.

A outra gran alternativa é a industria viva. O Concello das Pontes, en colaboración cun variado grupo de empresas asentadas no municipio, brinda a oportunidade de coñecer a industria por dentro.

Desde una cooperativa agrícola e o maior criadeiro de roedores de Europa, ata unha gran planta de impresión e artes gráficas. Calquera das visitas é gratuíta e a través da web do proxecto As Pontes, experiencia industrial, pódese contactar para deseñar o percorrido máis axeitado para cada grupo, así como descargar as rutas se se queren facer por libre.

As conserveiras de Cariño

Tamén en Cariño decatáronse hai tempo que a súa tradición conserveira vale para moito máis que para degustar na mesa. Unha das empresas con máis tradición na localidade, La Pureza, ofrece aos grupos escolares a posibilidade de visitar as súas instalacións, das que saen as conservas do mesmo nome e tamén as da marca Amieiro. 

É apaixoante ver como se selecciona a materia prima e se fai o enlatado. E por riba diso, a familia Docanto adoita dar a probar algunha das súas elaboracións aos escolares.

A industria naval, en Exponav

Ferrol, a cidade naval, foi historicamente e segue a ser un dos lugares máis importantes de España na construción de barcos. Aquí están os estaleiros públicos, nos que se fan buques militares, os de maior sofisticación tecnolóxica. O Museo da Construción Naval da Fundación Exponav é a mellor forma de descubrir este patrimonio industrial e coñecer como eran os primeiros barcos e os máis actuais. Atoparemos desde partes da fragata Magdalena, de finais do século XVIII, ata as maquetas de barcos construídos ao longo da historia na ría de Ferrol, tanto no asteleiro militar como no civil, Astano.

A Fundación Exponav organiza obradoiros para os grupos escolares, en función da súa idade, e ten un club infantil coa súa mascota, o Cormonav. A mostra está aberta de martes a domingo, de dez da mañá a oito da tarde, en horario ininterrumpido.