Os faros son construcións en zonas costeiras que sirven de aviso aos navegantes sobre a proximidade da costa. Pero tamén poden ser utilizados como referencia turística para coñecer o territorio no que se asentan ou descubrir a riqueza paisaxística, xeolóxica ou patrimonial dun determinado lugar. Entre as rías de Ares e Ribadeo existen seis faros; animávoos a visitalos e a compartir as vosas experiencias no Facebook da revista Deexcursión.

Cabo Prior (Ferrol). Situado sobre un istmo que se eleva ata os 171 metros sobre o nivel do mar atópase o faro de Cabo Prior, que entrou en funcionamento no ano 1853 cunha luz fixa branca visible a 15 millas náuticas. Foi a primeira axuda da que dispuxeron os navegantes que na segunda metade do século XIX pasaban fronte ás costas de Ferrol. Co novo século tamén chegaron os primeiros cambios. A luz orixinal foi substituída por outra de escintileos -rescatada do faro de Salou- que producía variacións de luz cada 20 segundos.  Unha das principais revolucións do servizo chegaría en 1974 coa posta en funcionamento dunha lámpada incandescente de 1500 watts, dous grupos electróxenos, a renovación da lanterna e a electrificación do servizo. Co nacemento das autoridades portuarias, Cabo Prior deixa de estar habitado, renova a totalidade do seu equipo luminoso e só conserva a óptica orixinal. A substitución das lámpadas por outras alóxenas de 220watts/1000watts ten lugar no ano 2002, un proceso que anos máis adiante tamén sucedería con respecto á óptica, agora exposta no Museo da Construción Naval da Fundación Exponav. O faro orixinal formaba un conxunto rectangular de 160 metros cadrados, cuxo custo de execución superou os 137.000 reais e do que aínda se conserva a torre de forma octogonal que eleva o foco luminoso a sete metros do chan e a 107 sobre o mar.  A eliminación do patio e a construción de dous edificacións para vivendas son algunhas das alteracións que o edificio sufriu ao longo dos seus 166 anos de presenza na costa de Ferrol, máis concretamente na parroquia de Covas.

Cor: Branca

Descrición: Torre hexagonal de cadeirado e casa

Características: GpD(1+2)B 15s

Alcance: 22 millas

Elevación: 107 metros

Cabo Prioriño Chico (Ferrol). Situado mesmo á entrada da ría de Ferrol comezou a funcionar no verán do ano 1854. O edificio ten forma rectangular cunha torre que sobresae ata a metade na fachada que dá ao mar. Un balcón de ferro voado sobre a cornixa ofrece ao visitante unha imaxe pouco usual da ría. Un escintileo intermitente cada 5 segundos segue a ser o sinal característico dun faro que no ano 1990 sufriu un salvaxe ataque vandálico que supuxo a total destrución da óptica e máis do queimador de acetileno. O faro estivo inoperante durante varios meses. A electrificación do servizo chegaría no ano 1995, o que deu lugar á posta en funcionamento do equipo de iluminación actual, así como dous grupos electróxenos e unha lámpada de 125watts/1000 watts. No ano 2007 foron acometidas obras de mellora e rehabilitación do edificio que co paso do ciclón Klaus, en xaneiro de 2009, perdería a totalidade da cuberta. Desde ese ano a subministración eléctrica realízase desde as instalacións do Porto Exterior.

 

 

 

Cor: Branca

Descrición: Torre octogonal branca e vivenda

Características: DB 5s

Alcance: 23 millas

Elevación: 36 metros

Punta Frouxeira (Valdoviño). É o faro máis moderno dos que existen entre a costa de Ares e a de Ribadeo. Cun deseño vangardista, o faro está operativo desde 1992. Ten unha óptica xiratoria de sete paneis, cinco con lentes Fresnel e dous cegos para dar a ocultación longa. No ano 2012 converteuse no primeiro faro de gran alcance de España (igual o superior a 20 millas náuticas) en funcionar cunha lámpada LED. Foi un proxecto pioneiro que permitiu pasar dunha lámpada de 1.000 watts a outra de tan só 60, o que reduciu tanto os consumos eléctricos como as emisións á atmosfera de gases contaminantes procedentes da combustión dos grupos electróxenos. A situación do faro, que se localiza entre os areais de Meirás e Valdoviño, non só chama a atención das persoas que o descobren senón tamén de grandes directores de cine, como foi o caso de Roman Polanski que no ano 1994 gravou nese lugar a película “La muerte y la doncella”.

 

Cor: Branca

Descrición: Torre prismática de formigón

Características: GpD(5)B 15s

Alcance: 20 millas

Elevación: 75 metros

Punta Candieira. O faro situado no municipio de Cedeira é un dos habitados dos seis que existen entre as 93 millas náuticas (máis de 133 quilómetros) que separan a ría de Ares da de Ribadeo. A súa construción data do ano 1929 pero non foi ata 25 anos despois cando entrou en funcionamento. No seu inicio contaba cunha instalación Dalen, cun cambiador automático de cepillos e cun queimador de 35 litros, ademais dunha óptica de 200 milímetros de distancia focal e unha batería de acumuladores AK-25. O edificio ten a forma clásica de U cunha torre hexagonal, que eleva o foco luminoso 9 metros sobre o chan e 89 sobre o mar. Na súa orixe tiña un alcance de 16 millas. O faro está automatizado desde 1993 e ao longo dos anos 2000, 2003 e 2005 se levaron a cabo importantes obras como a substitución da linterna aeromarítima pola actual, a instalación dun novo equipo luminoso e a posta en marcha da estación AIS (Automatic Identification System).

 

 

 

Cor: Branca

Descripción: Torre octogonal e edificio

Características: GpD(3+1)B 24s

Alcance: 21 millas

Elevación: 89 metros

Cabo Ortegal (Cariño). O faro situado no cabo do que toma o nome está operativo desde o ano 1984. Trátase dunha torre cilíndrica construída de formigón de 3 metros de diámetro e máis de 12 de alto. A primeira instalación foi eléctrica con equipo de gas auxiliar e, a partir do ano 1993 o acetileno deixou paso ao sistema de lámpadas alóxenas e as baterías. Desde o ano 2009, e como consecuencia dos danos ocasionados polo ciclón Klaus, a tecnoloxía LED e a luz solar son as que abastecen o equipo luminoso. A paisaxe na que se atopa o faro permítelle ao viaxeiro visitar unha zona de moi alto valor xeolóxico, morfolóxico e ornitolóxico, polo que ten consideración de Lugar de Interese Comunitario (LIC). A presenza dos Aguillóns, tres rochas que xa foron nomeadas hai 19 séculos polo xeógrafo grego Ptolomeo, dá ao faro un aspecto monumental.

 

 

 

Cor: Branca

Descrición: Torre cilíndrica branca e vermella

Características: GpD(2+1)B 15s

Alcance: 18 millas

Elevación: 124 metros

Estaca de Bares. Situado no Concello de Mañón, é o faro máis antigo dos seis que se suceden ao longo da costa entre ría de Ares e a de Ribadeo e constitúe, ademais, a fronteira imaxinaria entre o océano Atlántico e o mar Cantábrico. Construído en 1850 segundo o proxecto elaborado polo enxeñeiro Félix Uhagón, o custo da súa realización superou os 130.000 reais e o aceite de oliva, a parafina o petróleo foron algúns dos combustibles utilizados para o funcionamento da súa primixenia maquinaria. A electrificación do faro non chegaría ata a segunda metade do século XX, no ano 1993. Foi durante esta última etapa cando o faro entrou na modernidade coa súa completa automatización, a instalación dunha estación de DGPS e algúns anos despois coa posta en funcionamento da base AIS (Automatic Identification System), cuxa principal función é levar un control dos barcos que navegan pola zona.

 

 

Cor: Branca

Descrición: Torre octogonal e vivenda

Características: GpD(2)B 7,5 s

Alcance: 25 millas

Elevación: 101 metros