Seis son as construcións defensivas máis importantes que se atopan nas comarcas de Ferrol e Eume. Algunhas son moi antigas e outras máis modernas pero calquera delas ben merece unha visita para entrar en contacto coa súa historia e para desfrutar da súa riqueza arquitectónica.

A zona do Eume acolle a fortificación máis lonxeva. Trátase do castelo  de Andrade, tamén coñecido como o de Campolongo e Nogueirosa, que se asoma á desembocadura do Eume desde o monte chamado de Pena Laboreira. Situado nun lugar estratéxico, a construción remóntase ao século XIV -1377 foi a data da finalización da obra- e a súa realización foi impulsada polo señor dos Andrade, Fernán Pérez, O Bo. Tamén coñecido como o Alcázar dos Andrade, o fortín viviu tanto a primeira como a segunda Revolta Irmandiña, sendo nesta última cando quedou totalmente destruído. Terían que pasar catro séculos para a súa recuperación por orden do Ducado de Alba, dono aínda hoxe da propiedade.  Un foso, unha torre da homenaxe de máis de 20 metros de altura, un patio de arma e dos escudos familiares son os elementos máis característicos dunha construción medieval que foi a primeira da provincia da Coruña en recibir o recoñecemento de Monumento Nacional. Isto aconteceu no ano 1924.

As localidades de Naraío e Moeche son tamén referencia de castelos construídos entre finais do século XIV e principios do XV. No caso do castelo de Naraío, trátase dunha edificación agora en proceso de rehabilitación – o investimento supera os 169.000 euros- e da que a primeira documentación que existe sobre ela a vincula coas loitas fratricidas entre Pedro I, O Cruel, e Enrique II, o das Mercedes. A Revolta Irmandiña deixou unha profunda pegada na construción que no ano 1469 tivo que ser amañada por Diego de Andrade. A planta do castelo é totalmente irregular para adaptarse ás singularidades dun promontorio situado no alto dunha cañada formada polo río Castro. Aínda hoxe conserva a torre da homenaxe e tamén vestixios da existencia dun túnel que vai do soto á veira do río. A visita ao castelo merece a pena, non só polo seu interese histórico, senón tamén pola natureza que o rodea.

Cedido polo Ducado de Alba ao Concello de Moeche por trinta anos -acordo formalizado no ano 2006- este municipio acolle a edificación defensiva máis identificada coas Revoltas Irmandiñas que no século XV enfrontaron a labregos contra os señores feudais. O levantamento, como xa acontecerá nos castelos de Pontedeume e Naraío, tamén pasou factura a unha fortaleza que posteriormente foi reconstruída e mellorada por Pedro Álvarez Osorio. Sometido a sucesivos proxectos de rehabilitación, nos que foron atopados desde restos de madeira queimada durante as liortas ata vestixios de estruturas defensivas anteriores, agora o castelo de Moeche acolle un Centro de Interpretación que recibe a visita de escolares ao longo de todo o ano. A fortaleza conserva a torre da homenaxe, a praza e unha estancia de armas, a muralla e o foso defensivo, así como o comedor, as cabalerizas e os escudos do Duque de Arjona, de Pedro Álvarez de Osorio e de Beatriz de Castro. Atópase na parroquia de San Xurxo, presidindo o val do mesmo nome.

A defensa da ría de Ferrol deu lugar no século XVI á construción das dúas edificacións militares máis importantes, en canto a dimensións, das que existen no conxunto da comarca. Trátase do castelo de San Felipe, chamado así polo rei Felipe II e situado na marxe de Ferrol, e o da Palma, localizado no municipio de Mugardos. Neste municipio atopábase tamén o castelo de San Martín, do que apenas quedan ruínas e desde o que se tensaba por mar unha grosa cadea ata o de San Felipe para impedir o acceso de calquera barco inimigo á ría. A eficacia do sistema quedou demostrada en máis dunha ocasión, sendo a máis coñecida a que tivo lugar o 25 de agosto do ano 1800. Ese día a armada inglesa, capitaneada polo contraalmirante sir John Borlase Warren, quedou derrotada no seu intento de apoderarse de Ferrol e de destruír os estaleiros. É a coñecida como batalla de Brión, na que tomaron parte uns cen barcos ingleses e arredor de 13.000 homes.
En canto a súa arquitectura, o diseño San Felipe responde ás ideas de Vaoban (mariscal e prestixioso enxeñeiro militar francés) e a súa forma obedece tanto ao canal de entrada marítimo como á orografía do terreo. Da súa estrutura destaca a súa planta en forma de punta de frecha, o foso e a porta principal. O castelo foi adquirido no ano 2000 polo Concello de Ferrol por algo máis dun millón de euros e os primeiros traballos de rehabilitación consistiron na recuperación do uso residencial da chamada “casa do gobernador” . O investimento rondou os 600.000 euros e a cantidade foi aportada integramente polo Ministerio de Cultura.

Hai que remontarse ao ano 1597 para situar a obra de construción do castelo da Palma, unha edificación que nunca tivo carácter defensivo pero si que desempeñou con moita  eficacia funcións de vixilancia para evitar posibles ataques inimigos. Esta fortificación de aspecto monumental sufriu distintas remodelacións ata convertese no baluarte defensivo que hoxe parece que abraza a ría de Ferrol desde a marxe dereita. O seu uso sempre foi militar, ata convertese en cárcere de xefes e oficiais do Exército. De feito, no ano 1981 acolleu como preso a Antonio Tejero Molina, autor do intento de golpe de Estado do día 23 de febreiro dese mesmo ano. A pesar da compra da propiedade no ano 2002 por parte dun grupo hoteleiro A Palma permanece á espera de ser rescatada do seu actual estado abandono. O castelo foi declarado Bien de Interés Cultural (BIC) no ano 1945.

O castelo da Concepción sitúase nunha posición elevada cerca do porto pesqueiro de Cedeira. Trátase dunha fortificación defensiva de planta irregular, construída en dous niveis, con garita de vixilancia e baterías con torneiras. Despois da guerra con Inglaterra foi executada no ano 1747 con financiamento real, coa doazón de materiais e instrumentos, como os cañós non utilizados en Ferrol, e coa axuda da poboación local que contribuíu co seu traballo á realización da obra. Agora constitúe un magnífico miradoiro sobre a ría e dentro duns meses tamén acollerá o centro de

Interpretación do Xacemento de Punta Sarribal, un antigo castro situado a escasos metros do fortín.