Os museos como espazos culturais teñen mudado moito desde aquela concepción de espazos baleiros e esquecidos de hai anos. Hoxe son espazos dinámicos, vivos e, sobre todo, moi didácticos. Xa non só albergan cadros e obras de arte, aínda que as pinacotecas sexan a referencia museística por excelencia. Amosan ao público todo tipo de bens e cada vez teñen un discurso máis elaborado para atraer ao visitante.

No Día Mundial dos Museos non podemos deixar pasar a oportunidade de vos recomendar os moitos que temos na zona de Ferrol, Eume e Ortegal, todos eles moi interesantes para as visitas escolares e co aliciente engadido de que no seu contorno pódense atopar moitas outras propostas para enriquecer a excursión.

E empezamos polos que están máis de actualidade, o Museo da Sociedade Galega de Historia Natural, en Ferrol, e o Museo Mares de Cedeira. Os dous veñen de ser incluídos na Rede de Espazos Museísticos Atlánticos (REMA), que ademais ten en preparación unha exposición itinerante. Podedes ver a nova da súa inclusión, xunto ao da Torre de Hércules e o Anfeco, dedicado á industria conserveira, nesta ligazón.  O Museo da SGHN exhibe esqueletos, pegadas e reproducións de animais de todo tipo, entre outras moitas cousas. O Museo Mares ten aparellos de pesca, maquetas de barcos e unha interesante colección de malacoloxía (cunchas).

Pero temos moitos máis. En Ferrol, unha cidade que naceu do mar, temos dous interesantísimas propostas: o Museo da Construción Naval e, pegadiño a el, o Museo Naval. O primeiro mostra toda a evolución experimentada desde a carpinteiría de ribeira hasta os modernos estaleiros -e ten actividades dirixidas especialmente a escolares- , e o segundo recolle interesantes maquetas e obxectos relacionados coa historia da Armada e unha impresionante colección de áncoras.

En Mugardos está o Centro de Interpretación de Caldoval, onde se poden ver os restos dun «spa» e un ximnasio romanos e que é único en Galicia. Organiza ademais moitos obradoiros relacionadas coa época romana para os nenos e nenas.

No concello de As Pontes temos o Museo Etnográfico de Monte Caxado, que vén de estrear nova sede este mesmo ano e que naceu a iniciativa dun mestre, polo que o seu interese para o alumnado está garantido. Recolle máis de 4.000 pezas relacionadas coa etnografía eumesa.

E para rematar este percorrido polos museos da zona recomendámosvos tamén o de maquinaria agrícola de Cerdido, moi pequeno pero moi interesante porque lembra como se traballaba no campo hai algunhas décadas.