Coa chegada do verán e a calor apetecen plans diferentes e refrescantes como os que recollemos na revista escolar Deexcursión. Por iso mesmo, queremos recomendarvos catro destinos de praia na comarca para pasar o día en familia ou con amigos. Cada lugar ofrece actividades diferentes así que só tedes que escoller o que máis se adapte aos vosos gustos e… a gozar!

Praia de Doniños

Doniños é unha das praias máis turísticas pola súa proximidade á cidade de Ferrol. Constitúe un contorno semi-natural de case dous quilómetros con area fina, dunas e unha lagoa que converten este lugar nun espazo de gran interese. A zona é perfecta para pasar o día en familia ou en grupo xa que conta con moitos servizos a carón do areal.

É un paraíso para os amantes dos deportes acuáticos. As condicións do mar son perfectas para practicalos e, de feito, a Federación Española de Surf celebra aquí o Campionato Nacional todos os veráns.

Pódese chegar en transporte público ou en coche, e ten acceso por dous sitios: lugar de Outeiro (zona norte) e Punta Penencia (zona sur). A entrada á praia faise camiñando por unhas pasarelas de madeira sobre as dunas.

Como curiosidade, a praia de Doniños ten unha gran importancia histórica, pois foi o lugar escollido pola Armada inglesa para desembarcar no seu intento de conquista de Ferrol. Para ter unhas vistas xerais do lugar pódese visitar o miradoiro Monte Ventoso, onde se ve toda a costa ata o Faro Prior.

      Coordenadas 43°29′43″N 8°19′13″W
      Lonxitude 2 Km
      Bandeira azul
      Grao de ocupación alto
      Vento intenso / olas fortes
      Servizos: bares e restaurantes, aparcadoiro en ambos extremos, posto de socorro e salvamento, duchas e papeleiras
      Acceso a discapacitados
      Acceso por pasarela de madeira
      Posibilidade de chegar en coche (estrada Ferrol-San Xurxo e, en Valón, coller desvío a Doniños) ou en transporte público
      Non está permitida a entrada a cans
      Lugar de interese natural polas especies vexetais e animais das dunas e da lagoa.
      Espazo protexido

 

Praia de Ares

Ares é un lugar perfecto para pasar todo o día en familia ou en grupo. Dispón dunha praia de carácter urbano con moitos servizos cerca (bares, restaurantes, supermercados, zona infantil, etc.) e un extenso paseo marítimo para dar largos paseos. O areal percorre toda a vila e conta con diferentes accesos, adaptados a persoas con minusvalía. Ademais diso, hai unha zona da praia reservada para os cans á que se pode acceder durante todo o ano.

O mar é moi tranquilo, con apenas unhas ondas, e nos momentos de marea baixa hai unha gran extensión de area onde os nenos poden xogar tranquilamente afastados da auga. Para os máis deportistas, a praia dispón de dúas porterías de fútbol de uso libre nas que se realizan torneos algunhas tardes do verán.

Ao seu lado está o parque Rosalía de Castro,  onde se pode comer e pasar unha xornada agradable á sombra. No mesmo recinto hai un gran parque infantil, con moitas atraccións para os máis pequenos e adaptado para nenos e nenas en cadeira de rodas.

Pódese chegar en coche ou en transporte público. De feito, a parada de autobús está a tres minutos camiñando do areal e chegan buses cada media hora desde Ferrol.

Para os amantes da natureza e da tranquilidade, a costa de Ares ata Chanteiro conta tamén con varias calas naturais entre acantilados, ás que se pode acceder a elas camiñando ou en coche por sendeiros costeiros.

      Coordenadas 43º 25´33.0”N 8º 14´39.9”W
      Lonxitude 950 m
      Grao de ocupación alto
      Vento moderado / augas tranquilas
      Servizos: bares e restaurantes, supermercados, zona infantil, duchas e papeleiras
      Adaptado para persoas con minusvalía
      Acceso en coche (estrada Ferrol-Ares-Mugardos) ou en transporte público (Liña 25 Ferrol-Ares-Mugardos)
      Hai unha zona reservada para cans que pode ser utilizada todo o ano

 

Praia artificial do lago das Pontes

Dende o 2012, o lago das Pontes constitúe un lugar de interese para locais e visitantes. Un dos seus maiores atractivos é a praia artificial, de area grosa e 430 metros de extensión. Conta con dous espazos separados, un con árbores e zona verde e outro con area. Ademais, está moi próximo á vila, a escasos 300 metros da primeira fila de casas.

Está construído sobre unha antiga explotación mineira, que cesou a súa actividade en 2007 e foi transformada nun lago, o máis grande de Europa na actualidade. Para favorecer o crecemento de flora e fauna construíron tamén dúas illas que dotan ao lugar dunha personalidade única.

É un lugar perfecto para pasar unha xornada agradable, pois se poden realizar actividades moi variadas como pasear ou practicar deportes náuticos. De feito, o Club de Vela está situado a carón do lago e oferta cursos de verán de vela lixeira e windsurf. Ademais, conta con dous bares, unha pequena zona infantil, baños e un sendeiro para camiñar e coñecer toda a zona.

       Coordenadas 43º27.0´N 7º56´55.0”W
      Lonxitude 430 m
      Grao de ocupación medio
      Auga doce e area grosa
      Vento moderado / augas tranquilas
      Zona verde de zona de area
      Servizos: bar, zona infantil, baños, servizo de aluguer de embarcacións sen motor, cursos de verán de deportes náuticos.
      Acceso en coche (estrada Ferrol-Pontedeume e no Polígono Vilar do Colo coller a vía rápida ata As Pontes) ou en transporte público (non é unha ruta regular e as horas varían en función do día)
      Antiga mina rehabilitada, contorno natural de interese público pola súa historia e con moitas especies animais e vexetais.

 

Praia de Morouzos (Ortigueira)

Na desembocadura da Ría de Ortigueira atópase a praia de Mourozos, a máis grande e importante de todo o municipio. Constitúe un espazo natural único e tranquilo, con vistas á illa de San Vicente, que albergou un mosteiro na antigüidade. Pódese acceder a ela nos momentos de marea baixa.

É unha praia de case dous quilómetros de lonxitude con area fina e augas tranquilas, aínda que con risco de resaca nos días de mal tempo. Ten unha ocupación alta no verán pero só no terzo central do areal, pola proximidade aos servizos dos que dispón.

Accédese por unha pasarela de madeira, adaptada a persoas con minusvalías, que atravesa un extenso piñeiral con moita sombra onde descansar. Esta zona dispón de mesas, bancos e grellas de uso libre para preparar o xantar en familia, así como un parque infantil. Ao pé da praia hai bares e restaurantes onde comer ou descansar. Xa no propio areal podemos atopar outros servizos como aseos, duchas ou posto de salvamento.

O aparcamento non supón ningún problema xa que hai unha zona moi ampla onde deixar os coches. Tamén se pode chegar en autobús desde Ferrol ata Ortigueira, pero os horarios varían en función do día ao non ser unha liña regular.

Para os amantes do sendeirismo, hai itinerarios que percorren toda a zona da costa e que saen desde a propia praia. A ruta máis atractiva para os visitantes é a que percorre todo o litoral da Ría de Ortigueira. É un paseo de 9 Km moi doado, que se pode variar en función dos intereses e que é apto para nenos e nenas.

      Coordenadas 43°42’11.1″N 7°50’33.7″W
      Lonxitude 2 Km
      Grao de ocupación alto (no seu terzo central)
      Vento moderado / augas tranquilas
      Servizos: paseo marítimo, aparcadoiro, aseos, duchas, bares, pasarelas de acceso, zona infantil, equipo de vixilancia e salvamento, piñeiral con instalacións para comer
      Acceso a persoas con minusvalía
      Acceso en coche (estrada AC-862 Ferrol-Ortigueira) ou en transporte público (non é unha ruta regular e as horas varían en función do día)
      Ruta de sendeirismo polo litoral. Apta para nenos e coches de bebé