O proxecto LÓVA (La Ópera, un Vehículo de Aprendizaxe) é unha iniciativa que propón aos alumnos converterse durante un curso lectivo, nunha compañía de ópera que partindo de cero remata obtendo a súa propia obra. A través desta práctica trátanse todos os valores educativos, en especial a importancia da confianza, a colaboración, o esforzo e a aprendizaxe, á vez que os nenos desenvolven a súa creatividade en distintos ámbitos.

Este proxecto comezou en Madrid no ano 2007, dando lugar a tres compañías en tres colexios públicos, e que na actualidade conta con máis de 400 compañías en 15 comunidades autónomas, o que se traduce en 9.000 alumnos de toda España na iniciativa.

LÓVA non só traballa con alumnos de educación primaria senón que abarca educación especial, infantil, secundaria, bacharelato, cárceres, escolas de música e outros contextos.
Esta actividade ten como base o traballo en equipo e pretende demostrar o poder que ten confiar na capacidade das persoas para superar retos que nun primeiro momento parecían case imposibles.

O obxectivo para cada grupo é formar unha compañía de ópera e repartirse o traballo para que todos teñan unha función concreta e realicen todo eles: dende escribir o libreto, deseñar a escenografía, compoñer a música, confeccionar o vestiario, realizar a campaña de prensa, recadar fondos, deseñar e fabricar decorados, e todas as actividades necesarias.

A magnitude deste proxecto aumenta ano tras ano, chegando así ata Alemania, Estados Unidos e México. Dentro de España as comunidades con maior número de óperas son Galicia, Madrid e a Comunidade Valenciana.

En Galicia e en Ferrolterra

Dentro de Galicia participan en LÓVA 22 colexios e 10 son da comarca de Ferrol (1 de San Sadurniño, 1 de Cabañas, 2 de Pontedeume, 1 das Pontes, 1 de Ferrol, 1 de Ares, 1 de Cedeira, 1 de Fene e 1 de Cariño). As óperas creadas nestes colexios son representadas por compañías como Altamar, PICLAS, Diamante, Volcán, Ohana, Purpurina, Os detectives en Acción, Os remeiros ou Nube.

Este proxecto lévase a cabo nun ano escolar e cada compañía (normalmente formada por unha media de 28 alumnos) é atendida por un mínimo de 2 docentes, adicando seis sesións lectivas semanais, o que ao largo do curso son 216 sesións lectivas por compañía adicadas a LÓVA. Finalmente cada compañía soe facer unha media de tres representacións cun total de 450 espectadores.

Falamos co profesorado do IES Lestonnac (Ferrol), un dos colexios que participa, e cóntannos que este é o segundo ano que o seu centro se somerxe no proxecto LÓVA cos alumnos de 6º de primaria. Os profesores inmersos no proxecto son 3, os cales o coñeceron grazas ao mesmo centro, que lle expuxo a actividade e estes, entusiasmados coa idea, formáronse a través do CEFORE, que trouxo a dous profesionais dende América para realizar un percorrido formativo por España.

Os profesores do Lestonnac tiveron un curso intensivo dunha semana en Xullo e a partires de aquí no seguinte curso lectivo comezaron este proxecto que está a ser un éxito entre os alumnos, os pais e o profesorado.

Unha das profesoras implicadas comenta que “É bastante revisable facer tamén este proxecto en 3º e 4º de primaria, aínda que de momento todo é moi recente”. A profesora de música prepara aos nenos no que ela chama un “Pre LÓVA” para que estes cheguen a 6º de Primaria cunha base para realizar e desfrutar ao máximo o proxecto.

Tamén contan que a ópera na que estarán a traballar todo o curso terá unha primeira función de estrea no propio colexio o 23 de maio, e unha segunda función no teatro Jofre nunha data que aínda está por confirmar e que concretarán a mediados de marzo. Unhas funcións nas que seguro os nenos gozarán, non só por actuar, senón tamén por facer unha visita guiada e así coñecer máis de preto o o teatro no que representarán a súa ópera.