Defínense como un grupo de mestras e mestres ilusionados que traballan, cren e loitan por unha educación inclusiva, innovadora e con corazón. E o seu nome ten moito corazón, o devezo de conquerir as súas metas: “Ilusiona-T”. A iniciativa naceu hai tres anos no Centro de Formación e Recursos de Ferrol e medrou desde aquela a un ritmo que so pode explicarse coa ilusión que verdadeiramente poñen no seu traballo. Profesores e profesoras de toda Galicia están a utilizar os materiais e propostas didácticas que o grupo comparte desde a súa web www.ilusiona-t.es.

Laura Adela Fernández é unha das mestras implicadas na iniciativa e coordinadora das reunións que celebran, aproximadamente cada mes, no Centro de Formación e Recursos de Ferrol. “Comezamos hai tres anos e o grupo non para de crecer –explica-; agora somos un equipo de preto de 60 profesores e profesoras da zona de Ferrol, do Eume, do Ortegal e tamén de Lugo, de maneira que xa comezamos a distribuirnos en grupos máis pequenos para traballar por zonas”. Xa contan con grupos en Ferrol, Fene, A Coruña, As Pontes e na Mariña Lucense.

“A idea é respostar nós mesmos ás nosas propias demandas”, comenta. “Ao principio había unha necesidade urxente de formarnos e organizar os materiais curriculares do modelo pedagóxico vixente, de maneira que puxémonos e hoxe hai moitos profes en Galicia que están a utilizar o que nós compartimos”. “Desenvolvemos o noso propio método de lectoescritura”, conta a profesora. É un exemplo do que conqueriron co seu entusiasmo, poñendo en común a experiencia nas aulas e os coñecementos adquiridos por todos e todas, mestres de Infantil, Primaria e Secundaria, especialistas en audición e linguaxe, pedagoxía terapéutica, orientadores, etc.

Pero máis alá disto, Laura Adela pon o acento na educación inclusiva e a atención á diversidade. Para o grupo Ilusiona-T é preciso consensuar materiais para a organización do centro, para o traballo na aula e, finalmente, para cada neno ou nena concreta.

“Queremos demostrar que o curriculum pode ser inclusivo, traballamos para que todos os nenos teñan unha resposta adaptada”, conta a mestra. A receita é “compartir, contaxiar, ilusionar… porque o cambio é posible”. Na web do grupo hai, entre outros materiais, exemplos de adaptación de probas de avaliación para alumnado con Asperger, discapacidade intelectual, dislexia, parálise cerebral ou TDAH. O reto é crear un espazo no que compartir recursos e experiencias e que ningún mestre estea so ante un alumno ou alumna con dificultades.

Cada vez son máis os “ilusionados” e as “ilusionadas”, de maneira que o grupo non para de crecer. Nestes momentos teñen catro grupos de traballo no Centro de Formación e Recursos de Ferrol, no que desenvolven actividades de formación –moitas veces impartidas por xente de dentro, especialistas en diferentes temas, e outras por parte de técnicos de fóra-, e mesmo están a reclamalos xa doutros CFR de Galicia para levar alí as súas dinámicas de traballo e propostas.

A web www.ilusiona-t.es é unha ferramenta en continuo proceso de revisión e mellora, na que poderedes atopar moitos recursos interesantes. Non deixedes de visitala!