Son moitos os centros escolares que organizan actividades con motivo da celebración da Semana da Ciencia e non queremos deixar pasar a ocasión de recomendar algunhas visitas das que se pode tirar moito proveito como recurso didáctico para conmemorar esta efeméride. Na revista DeExcursión temos moitas propostas relacionadas coa ciencia, porque, ao fin e ao cabo, a ciencia está por todas partes, pero hoxe imos centrar a nosa atención en cinco delas.
Tres destas propostas atópanse na propia cidade de Ferrol. A Sociedade Galega de Historia Natural e o seu museo, na plaza de Canido, é un estupendo lugar para achegarse á bioloxía. Na visita pódense ver desde os animaliños máis pequenos, como a carracha, ata os máis grandes, como a balea, ademais de pegadas, esqueletos, etc.
Se se prefire a ciencia aplicada á tecnoloxía resulta interesante unha visita ao Museo Naval, onde teñen todo tipo de aparellos de navegación e armamento. E no parque Raíña Sofía atópase o xardín didáctico Aquaciencia, no que a través de 21 enxeños diferentes se poden ver as múltiples aplicacións da forza da auga.
Coa mesma temática do aproveitamento da auga resulta interesante unha visita á fervenza do río Belelle, en Neda. A caída de 45 metros fai deste salto de auga unha importante fonte de enerxía e, de feito, nas súas inmediacións hai unha central eléctrica.
E para rematar a proposta de visitas «científicas» no Concello de As Pontes hai moitas empresas incluídas na denominada Experiencia Industrial que de seguro teñen interesantes aplicacións científicas na súa produción que estarán encantadas de mostrar aos visitantes. Entre elas está Xaraleira, adicada á cría de roedores, que precisamente ten un libriño sobre as Leis de Mendel do máis singular.