A revista DeExcursión achega este ano a través da súa versión dixital unha chea de recursos didácticos para o profesorado. Os mestres poden atopar, na maior parte das rutas, referencias a proxectos didácticos desenvoltos en diferentes centros educativos e que, na temática, teñen directa relación coa proposta. A través deles poden obter ideas para traballar co alumnado. Os enlaces están ao final da  sección denominada «apuntes» de cada unha das excursións polas comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal.

É moi habitual que a saída fóra da aula sexa unha oportunidade para reforzar os contidos que o grupo está a traballar durante o curso. Por exemplo, un colexio que desenvolve algún proxecto sobre o mar, pode buscar moitos destinos nos municipios costeiros destas comarcas. E con eles, tamén moitos recursos, sobre as artes de pesca, ou sobre a vida no litoral, que poden servirlle para enriquecer a visita. Moitos destes proxectos didácticos están extraídos do banco de experiencias que ofrece o blog das Bibliotecas Escolares de Galicia –preme aquí para visitalo-. Outros corresponden a webs de institucións educativas e outros organismos, así como blogs de profesores que quixeron compartir o seu traballo, tanto dentro da comunidade autónoma como fóra. A intención de DeExcursión, ao incluír aquí os enlaces, é sempre ofrecer inspiración e ideas ao profesorado.

Moitos destes recursos didácticos para o profesorado son interdisciplinares e poden servir para traballar en diferentes materias, outros son específicos para algunha delas, como por exemplo unha proposta duns exercicios de matemáticas en torno ao escintileo dos faros que aparece na ruta da Autoridade Portuaria.

Tamén nesta edición, a revista DeExcursión e a súa versión web ofrecen unha relación das materias cuxos contidos pódense vencellar coa visita.

Exemplos

O máis recomendable é percorrer as diferentes rutas propostas e buscar os recursos didácticos para o profesorado na sección de «apuntes». Pero poñamos algúns exemplos.

Na visita ás Meninas de Canido, DeExcursión ofrece o enlace ao blog «Para profes e padres» no que atoparedes una chea de material e recursos para traballar na aula, tanto con Velazquez como con outros pintores.

Para preparar a visita a Esmelle, e para traballar na aula en torno á auga e os ríos, os «apuntes» ofrecen o enlace a varios proxectos, desenvoltos en diferentes centros educativos galegos, e mesmo a outra experiencia de voluntariado ambiental en Cantabria.

Ides a Aldea Nova? Pois na web tedes o enlace a un traballo por proxectos en torno a unha granxa-escola.