Eumenatura é un recurso excelente para o último trimestre do curso, que adoita ser tamén o de mellor tempo. E ben que o botamos de menos despois da tempada de choiva que levamos! Neste parque multiaventura situado no corazón das fragas do Eume hai moitísimas posibilidades para unha xornada de excursión e mesmo é unha proposta de saída escolar de fin de curso que sen dúbida encantará aos rapaces e rapazas de calquera idade. Por estes motivos é unha das recomendacións que facemos na revista Deexcursión para complementar a actividade que se realiza durante o curso naaulas.
O parque atópase no concello de Monfero, nun espazo que reúne todas as condicións para gozar ao aire libre de diferentes actividades. Divertirse en contacto coa natureza é a oferta que fai Euroeume para o público en xeral e para os colexios en particular. Para eles en concreto organiza unha serie de actividades extraescolares que inclúen diferentes opcións, sempre acompañados de monitores e persoal especializado que se ocupan de atender aos nenos e nenas.
Un dos recursos que máis chama a atención é o campo de obstáculos, con 28 elementos arrodeados de árbores onde poder saltar, trepar, correr, reptar ou cruzar charcos de barro baixo a atenta supervisión dos monitores. Unha oportunidade de realizar exercicio físico en contacto coa natureza que é todo un reto para os participantes.
Inchables e sendeirismo
Tamén hai a disposición dos cativos inchables, algúns deles acuáticos, que sempre son moi benvidos polo público escolar, sobre todo polos máis pequenos.
Ademais, en Eumenatura organizan actividades de sendeirismo polo contorno das fragas do Eume, o espectacular bosque atlántico que é por si mesmo un espectáculo en calquera época do ano, tamén na primaveira, sobre todo nesta na que os verdes estarán máis esplendorosos ca nunca despois da auga que caeu de inverno. E por se isto non abonda, hai incluso a posibilidade de facer andainas nocturnas, espectaculares con lúa chea.
Aproveitar o contacto coa natureza para se divertir con tantas actividades ao mesmo tempo que se coñece unha paisaxe única en Galicia é o que fai de Eumenatura unha opción máis que recomendable para os centros escolares.