DeExcursión

A axencia Pingota Comunicación vén de enviar a máis de cincocentos centros educativos das provincias da Coruña e Lugo a segunda edición da revista DeExcursión. A publicación reúne cincuenta propostas para que os profesores poidan programar, ao longo do curso académico que comeza, saídas fóra da aula polas comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal.

Nesta segunda edición, Pingota Comunicación contou coa colaboración de máis concellos e institucións, o que permitiu chegar a 68 páxinas mantendo o atractivo deseño e a calidade de impresión que xa caracterizaron o número anterior. Así, nesta ocasión foron 15 os concellos que apoiaron a publicación de DeExcursión e algún dos que xa participou o ano pasado quixo incluír novas saídas. Ademáis, a Asociación de Veciños Val de Esmelle brinda este ano aos grupos escolares as rutas patrimoniais que puxo en valor pola parroquia ferrolá. Incorporouse tamén ao catálogo de propostas o museo de Exponav e volven a apostar pola revista a Deputación Provincial da Coruña e a Autoridade Portuaria de Ferrol.

A revista nútrese tamén da publicidade de empresas e institucións culturais que organizan actividades de interese para os estudantes de diferentes niveis educativos. A Granxa do Souto, Gadis, Afundación, Northwest Paintball, a tenda Lego, Eumenatura e o albergue Alvarella, entre outros, atopan nesta revista un vehículo para trasladar a súa oferta aos centros educativos.

Envío aos centros de toda a provincia e parte de Lugo

DeExcursión chegou por correo a tódolos centros educativos, públicos, privados e concertados, con niveis desde Infantil ate Bacharelato, existentes na provincia da Coruña, así como aos dos municipios lucenses de Viveiro, O Vicedo, Xermade, Muras, Guitiriz, Xove, Cervo, Burela, Foz, O Valadouro e Vilalba, que pola súa proximidade poden tamén organizar, con facilidade, unha excursión dunha xornada a algún destino destas comarcas. Ademais, os contidos da revista están colgados nesta web onde ao longo do curso inclúense novas vencelladas ás propostas da revista, experiencias escolares, etc.

Pingota Comunicación inaugurou tamén nesta segunda edición da revista unha liña de colaboración co Centro de Formación e Recursos de Ferrol. Así, o centro organiza para este outono un curso sobre interpretación da paisaxe no que participarán 25 profesores e que empregará a revista DeExcursión para o deseño de varios roteiros.

O proxecto DeExcursión crece, por tanto, no seu segundo ano e avanza no obxectivo de se converter nunha ferramenta útil para os docentes e contribuír á cohesión das tres comarcas, ás veces pouco coñecidas entre os seus propios veciños, e á dinamización turística destes territorios.