Aquaciencia é o único parque temático adicado á auga e ás súas mútliples aplicacións. Hoxe que conmemoramos o Día Internacional da Auga non está de más botar unha ollada a este espazo situado en Ferrol. Aquaciencia ocupa uns 5.000 metros cadrados de extensión no parque municipal Raíña Sofía. É un percorrido de lagos, ríos e pequenas fervenzas e por máis de vinte enxeños que se aproveitan da auga. Así, na visita pódese comprobar como funcionan os vasos comunicantes ou como se move unha pedra xigantesca axudada pola auga, Tamén é posible chegar ata un faro situado nunha illa nun transbordador impulsado por unha corda, ver un acueducto, un reloxo de auga e moitas cousas máis.

Como se trata dun espazo eminentemente educativo, na web http://www.ferrol-concello.es/aquaciencia/ os profesores poden descargar unhas interesantes fichas temáticas. Con elas explicarán aos seus alumnos o que poden ver en Aquaciencia. Desde un acueducto ata un muíño pasando por un ariete hidráulico, todo está preparado para que os visitantes vexan e toquen.

Aquaciencia e os pavos reais

Este parque temático ten como aliciente engadido á hora de programar unha excursión escolar a súa situación no parque Raíña Sofía. Trátase dun xigantesco espazo axardinado, con árbores, fontes e sendeiros. Os nenos e nenas poderán atopar ademais algo que non se ve todos os días. Ducias de pavos reais en liberdade conviven en perfecta harmonía cos visitantes, agardando que algún pequeno comparta parte do pan da súa merenda con eles.

Enxeño Aquaciencia

No parque hai máis de 20 enxeños

Na revista DeExcursión recomendamos a visita a Aquaciencia e o parque dentro da ruta Auga e Natureza de Ferrol. Neste capítulo comparte protagonismo co museo da Sociedade Galega de Historia Natural. Os profesores teñen neste parque a oportunidade de explicar aos seus alumnos como as leis da Física teñen aplicacións reais.