Hoxe suxerimos unha visita a Narón, a oitava cidade de Galicia e un concello eminentemente industrial, pero que ten moito que ofrecer para unha excursión escolar. E empezamos por Aldea Nova, un parque temático sobre o mundo rural pensado para convivir coa natureza. Os nenos e nenas poderán coñecer ao burro Roque e a outros moitos animais: vacas, cabalos, porcos… Aldea Nova ten un programa especialmente deseñado para os colexios en xornadas de mañá e tarde. Así, dispón de obradoiros non só de animais senón tamén para facer pan, cultivar a horta, equitación, apicultura e astronomía. Pódese consultar toda a información na súa web www.aldeanova.com.
Pero en Narón hai moito máis que ver. Na parroquia do Val temos varias posibilidades: desde a cooperativa ata o convento de Baltar ou Pena Molexa.
Na cooperativa do Val os alumnos poderán coñecer como funciona o seu supermercado ou a agrotenda. Pero ademais a entidade ten unha sección de crédito, outra de seguros e unha máis de aluguer de maquinaria. A súa web é esta: www.cooperativaoval.com; e na da revista DeExcursión figura a persoa de contacto (deexcursion.net/naron). Neste mesmo espazo pódese consultar con quen hai que falar para facer unha visita ao convento de Baltar. En realidade é un pazo do século XVI arrodeado dunha arboreda moi axeitada para facer actividades de lecer.
Narón e a lenda de Pena Molexa
E sen saír do Val é boa idea visitar a Pena Molexa. Trátase dunha rocha que seguramente foi na antigüidade un santuario celta que ten a súa propia lenda. Cada ano faise unha representación teatral sobre a historia dunha moura atrapada dentro dun penedo que busca quen a libere.
A estes espazos que se recomendan na revista DeExcursión hai que engadir outros moitos dos que tamén dispón Narón e que son unha boa alternativa para pasar unha xornada fóra das aulas.