Xa temos unha nova edición de DeExcursión! O proxecto que recompila as rutas máis axeitadas para organizar saídas escolares polas nosas comarcas chega ao seu cuarto número despois dun obrigado paréntese provocado pola pandemia, que impediu darlle continuidade no pasado curso escolar.
Sendo como é un dos proxectos máis persoais e queridos de Pingota Comunicación, a nosa satisfacción por poder recuperar a revista neste 2020 é total. Por este motivo quixemos marcar o comezo dunha nova etapa modificando a portada que nos acompañou desde o primeiro número -aínda que mantendo algúns elementos característicos- e introducindo certas variacións no deseño.
Os exemplares en papel foron enviados aos diferentes centros educativos da provincia da Coruña e o norte de Lugo e na nosa web están actualizados os contidos da presente edición. Adiantámosvos que traen moitas novidades.
Temos arredor de medio cento de propostas para que os colexios e institutos poidan programar as excursións que tanto bota de menos o alumnado. Pero non só están pensadas para eles, son itinerarios moi atractivos para facer en familia ou con amigos que vos animamos a consultar.
Tamén poñemos á vosa disposición outras recomendacións de actividades organizadas polos nosos anunciantes dirixidas aos rapaces e rapazas de diferentes idades, desde obradoiros ata ocio na natureza ou deporte.
Como en anos anteriores, na nosa páxina de Facebook iremos falando polo miúdo das rutas e poñéndovos ao día dos temas de interese para a comunidade escolar. Pero, como vimos con máis folgos que nunca, poñemos en marcha tamén unha páxina en Instagram.
Encantaríanos contar coas vosas fotografías de excursións para poder compartilas. Por iso facémosvos un chamamento para que sexades proactivos e compartades con nós as vosas excursións. Para calquera información ou comunicación temos habilitado o correo deexcursion@deexcursion.net.
A web deexcursion.net estará tamén permanentemente actualizada con todas as actividades de ocio familiar organizadas polos nosos Concellos nunha axenda que xa leva moitos meses rodando e que quere ser unha referencia para planificar o tempo libre en Ferrol, Eume e Ortegal.
Convidámosvos a saír de excursión con nós!