O castelo de San Felipe é o emblema turístico de Ferrol. A fortaleza constitúe unha xoia arquitectónica do XVI que chegou ata nós coas modificacións feitas no século XVIII. Foron obras realizadas coincidindo coa época na que Ferrol foi nomeada capital do Departamento Marítimo do Norte. Cando foi adquirido polo Concello atopábase nun estado de total abandono. Porén este foise corrixindo con actuacións escalonadas destinadas a ampliar as zonas visitables. E tamén a facelo lucir en todo o seu esplendor.

Estes días vén de rematar a última intervención desenvolvida na fortaleza. Acondicionouse un novo espazo de recepción aos visitantes . Tamén se mellorou a sinalización interior, ademais de instalar aseos portátiles.

Pero sen dúbida a parte máis interesante destas obras acometidas no castelo de San Felipe foi a rehabilitación da torre baixa, que data do século XIX. Esta zona acolle dúas exposicións permanentes, sobre a evolución das defensas da ría e sobre a propia fortaleza. E foi dotada tamén dunha gran cristaleira que proporciona unhs inmellorables vistas sobre a ría.

Este Ben de Interese Cultural poderase percorrer nas visitas guiadas organizadas este verán os xoves e os sábados ata o 11 de setembro incluído. Hai que reservar praza a través do correo electrónico info@ferrolguias.com ou chamando ao número de teléfono 696 53 10 70.

O castelo de San Felipe está aberto ao público todos os días do ano en horario de 10.00 a 14.00 e de 16.00 a 20.00 horas. Máis información sobre a fortaleza aquí.