ORTIGUEIRA

Separador

UNHA VILA CON HISTORIA

  • Ortigueira
    43°41’03.9”N 7°51’15.9”W

  • Casa do Concello
    Praza de Isabel II, s/n
    Telf. 981 400 000
    www.concellodeortigueira.es

  • Ferrol 53 Km
    A Coruña 98 Km
    Viveiro 35 Km
    Santiago 141 Km

Ortigueira é unha vila con moita historia que ofrece diversas actividades para desfrutar dela e coñecer un pouco máis do seu pasado, que se remonta case ata o 35.000 a.C. Nas serras da Capelada, Faladora e Coriscada pódense atopar restos megalíticos e túmulos dese tempo que, segundo o arqueólogo ortegano Federico Maciñeira, pertencen a antigas poboacións nómadas. Ademais diso, atópanse tamén pegadas castrexas no xacemento de Punta dos Prados, situado na parroquia de Espasante, onde hai restos dun castro marítimo construídoentre os séculos IV e I a.C. O máis destacable desta construción son uns espazos que se usaban de forma cotiá como saunas ou baños de vapor. Da Idade Media consérvase o Castelo de Casón, que servía como torre de vixilancia e fortín de defensa contra os ataques inimigos. A día de hoxe aínda se manteñen en pé algunhas partes importantes da fortaleza e ofrece unhas vistas únicas da ría e dos montes da Capelada. Xa na vila podemos atopar os dous edificios máis importantes, a Casa Consistorial e o Teatro da Beneficiencia, situados no que foi un conxunto conventual construído no século XVI. A primeira foi inaugurada no 1995 e garda verdadeiros tesouros no seu interior. A antiga sala capitular foi reconstruída e convertida en sala de plenos.

Por outra banda, o teatro, que servía como almacén de viño e leña para os monxes, foi remodelado a iniciativa dos veciños e agora é un magnífico exemplo de arquitectura italiana que loce as pinturas de Vicente Martínez Laxe no seu interior. Durante a segunda metade do século XIX e principios do XX, Ortigueira viviu o seu mellor momento, e desa época aínda se conservan numerosos edificios nobres, que se poden atopar percorrendo as rúas do casco histórico. Estas construcións son de estilo modernista ou de arquitectura racionalista e destacan polos marcos de granito e as galerías brancas. Algúns dos edificios máis sobresaíntes son a Casa da Ponte, que foi unha fábrica de chocolate; a farmacia dos Castiñeiras; a casa natal do poeta Ramón Armada Teixeiro ou a dos Pita Romero, que foi a residencia do impulsor do asociacionismo agrario Leandro Pita Sánchez-Boada e o seu fillo Leandro Pita Romero, ministro da II República. Nesta época, Ortigueira era tamén moi activa cultural e politicamente, e mostra diso son as tertulias na casa Barahona, no casino ou no Nuevo Club; o Centro Artístico Ortigueirés e a Imprenta Fojo. Nesta última foi onde naceu o periódico La voz de Ortigueira, que segue en activo despois dun século e mesmo pode ser utilizado como material de traballo para os escolares.

Apuntes

  • Ruta urbana
  • Materias Relacionadas: Historia, Ciencias Sociais, Lingua e Literatura Galega e Lingua española
  • Idades: Primaria-ESO-Bacharelato
  • Duración: Xornada completa
  • Prezo: Gratuíto
  • Pódese chegar a Ortigueira no tren da costa (www.renfe.com)
rutas por Ferrol

ENCANTO NATURAL

  • Ría de Ortigueira
    43°40’07.4”N 7°53’44.0”W
    Área Recr. da illa de Mera
    43°39’43.8”N 7°54’29.2”W
    Praia de Morouzos
    43°42’10.7”N 7°50’35.3”W
    O mellor banco do mundo
    43°44’39.5”N 7°45’08.9”W

  • Casa do Concello
    Praza de Isabel II, s/n
    Telf. 981 400 000
    www.concellodeortigueira.com

  • Ferrol 53Km
    A Coruña 98Km
    Viveiro 35Km
    Santiago 140Km

A ría de Ortigueira-Ladrido constitúe un dos espazos naturais de maior valor ecolóxico do litoral norte. Alberga arredor de 93 especies de vertebrados, dos cales 18 están considerados de importancia internacional. O grupo animal máis representado é o das aves, cun total de 68 especies migratorias que escollen esta zona para pasar todo o inverno. Na mesma ría desembocan os ríos Mera e Baleo, que deixan no seu percorrido unha gran cantidade de especies e vexetación de ribeira. Arredor dun illote do río Mera, o Concello construíu unha área recreativa na que comer, xogar e remollarse se o tempo acompaña.

Outro dos atractivos do municipio, sobre todo no verán, é a praia de Morouzos. É un areal de dous quilómetros de extensión e augas tranquilas que está situado a carón dun complexo de dunas e un piñeiral. Nos momentos de marea baixa pódese acceder á illa de San Vicente, cun contorno único e que albergou un mosteiro na antigüidade. Ortigueira conta ademais co “mellor banco do mundo”, pois está colocado nun lugar privilexiado, concretamente nos acantilados de Loiba. Ofrece unhas vistas impresionantes que, segundo a Unesco, son das máis fermosas de todo o mundo. Outro dos lugares que non podemos deixar de visitar é o pobo mariñeiro de Espasante. Nel podemos atopar os restos dun xacemento castrexo ou a única garita militar de vixilancia que queda en todo o municipio, a de Vela. Esta construción é do século XVIII e ofrece unhas vistas únicas do cabo Ortegal e da Estaca de Bares. A ruta do Camiño do Cantábrico, que percorre o norte das provincias de Lugo e A Coruña e que se pode facer a pé ou en bicicleta ten precisamente a súa última etapa na fermosa costa ortegana e por ela discorren tamén as rutas xeolóxicas que se organizan en períodos vacacionais.

ortigueira

Apuntes

  • Ruta da natureza
  • Materias relacionadas: Ciencias Naturais, Ciencias Sociais, Xeografía e Historia
  • Idades: Desde Educación Infantil ata Bacharelato
  • Prezo: Gratuíto
  • Duración da visita: unha xornada
  • En www.turismoortigueira.com/media/content/44/folleto_cas.pdf atópanse as principais rutas de sendeirismo por Ortigueira
rutas por Ferrol