Os “Contos de defuntos (e outros asuntos)” de Brais das Hortas pechan o mes do Humor en Fene
O Museo do Humor Xaquín Marín de Fene pon broche este venres, 29 de novembro ao ciclo de monólogos de humor co que está a conmemorar o seu 40º aniversario. Desta vez o protagonista será o narrador e músico Brais das Hortas. O espectáculo, titulado Contos de defuntos (e outros asuntos), comezará ás 20.00 horas e a entrada será de balde, previa recollida de invitacións (até un máximo de dúas por persoa adulta) na conserxería da Casa da Cultura de Fene ese mesmo día a partir das 19 horas. Aforo limitado.
Neste espectáculo Brais das Hortas conta “contos de mortos que non están tan mortos, da Santa Compaña que non era tan santa, de aparecidos e visións… de todas estas causas que rodean a vida e a morte en Galicia, e das que nunca está de máis falar un pouco. Porque o mundo cambia. O noso mundo, o dos vivos… e quen sabe se o dos mortos tamén cambiou! Porque, aínda que haxa luz eléctrica, nunca se sabe onde se che pode aparecer algo…”
