DEEXCURSIÓN

Separador

A revista DeExcursión chega de novo coa volta ao cole. Cada setembro envíase a todos os centros educativos da provincia da Coruña, e dos concellos da Mariña Lucense, cun feixe de propostas para facer saídas polas comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal.

A axencia Pingota Comunicación constrúe estas páxinas coa colaboración dos concellos de Ferrol, As Pontes, Cedeira, Neda, Fene, Narón, Monfero, San Sadurniño, Moeche e Ortigueira, tamén co apoio do Campus de Ferrol da Universidade da Coruña, a Autoridade Portuaria de Ferrol San Cibrao e a Deputación da Coruña, que dá a coñecer a través delas o Xeoparque Cabo Ortegal e as Fragas do Eume. Neste catálogo de propostas para unha viaxe didáctica hai museos e centros de interpretación, rutas para facer a pé, espazos naturais perfectos para unha xornada de convivencia e xogos, castelos, mosteiros, cascos históricos e mesmo unha aldea, a de Esmelle, cunha asociación veciñal que é quen de exercer de dinamizadora do seu singular patrimonio.

Cómpre recoñecer tamén ás empresas con ofertas especificamente orientadas aos grupos escolares que se anuncian na nosa publicación: o programa Alimentes de Gadis, o albergue de ecoturismo Alvarella, o club Náutico Folixa, a Granxa do Souto, a estación de montaña de Manzaneda, Espazo Vivo,… a súa colaboración é a confirmación de que este é un vehículo útil para chegar ao profesorado.

En DeExcursión atoparedes propostas para facer saídas nunha xornada, destinos que non requiren longos desprazamentos e que poden completar e complementar o aprendido dentro da aula. Hai suxestións para todo tipo de grupos, desde as etapas máis temperás ata adolescentes que estean xa realizando Bacharelato ou ciclos de FP.

Ás veces, a descuberta máis apaixonante ou a experiencia inesquecible están a tiro de pedra, preto da casa… e esta revista é unha invitación a coñecer o máis próximo, a facer viaxes de proximidade!!

Vide con nós DeExcursión!!

rutas por Ferrol