CAMIÑO INGLÉS

Separador

FERROL

A ruta do Camiño Inglés ten a súa milla de inicio na cidade de Ferrol. O nome desta ruta de peregrinación vén dos camiñantes británicos que desde o século XII chegaban por mar para iniciar a súa andaina ata Santiago de Compostela. Esta primeira etapa da ruta é sinxela, pois atravesa zona urbana, e nela poden coñecerse moitos elementos emblemáticos da cidade. Pódense solicitar rutas guiados polo tramo do casco histórico á empresa Ferrol Guías, unha opción estupenda para facer co alumnado.
En Ferrol vén de se inaugurar un albergue público de peregrinos situado na antiga Casa do Mar. Conta con 60 prazas e é o de maior capacidade de todo o Camiño Inglés, onde existen outros seis. Permítese o aloxamento só por unha noite e é requisito imprescindible contar coa credencial de peregrino.
O peirao de Curuxeiras é o punto cero do camiño. Aquí se atopa a Oficina de Atención ao Peregrino e varias construcións defensivas da ría que datan da etapa de Ilustración, así como os restos da antiga muralla que rodeaba Ferrol. A ruta adéntrase no barrio medieval de Ferrol Vello, subindo pola rúa San Francisco ata os xardíns de Herrera, onde é interesante facer unha parada para observar as espectaculares vistas do Arsenal. A carón deste espazo natural atópase o Pazo de Capitanía, que adoita ofrecer visitas guiadas que se poden solicitar tamén en Ferrol Guías.
A andaina continúa xa no barrio da Madalena, levantado durante a etapa da Ilustración, e que presenta unha urbanización que semella unha pastilla de chocolate. Nas súas rúas hai numerosos edificios modernistas, xoias do arquitecto Rodolfo Ucha, como a Casa Romero ou o Teatro Jofre, entre moitas outras.
Seguindo polo Camiño Inglés, a seguinte parada é a alameda do Cantón de Molíns, que foi a primeira gran alameda urbana de Galicia. Aquí se atopan dous museos moi interesantes para visitar cos escolares: o Museo Naval e Exponav (páxinas respectivas). O itinerario continúa ata chegar ao barrio de Caranza, onde se atopa a ermida de Santa María e, se vai bo tempo, se pode facer unha parada na praia urbana, que este ano recibiu por primeira vez a Bandeira Azul.

  • Idade: Primaria, ESO e Bacharelato

  • Materias: Xeografía e Historia, Ciencias Sociais, Educación Física.

  • Máis información:

    Para visitar o teatro Jofre, contactar previamente coa concellería de Cultura no 981 944 013. Extensión 630.
    Para visitar o Pazo de Capitanía (primeiro sábado de cada mes) contactar coa empresa Ferrol Guías con antelación no 696 531 070 ou no correo
    info@ferrolguias.com
    Para as visitas ao Museo da Construción Naval e o Museo Naval ver as páxinas correspondentes.

rutas por Ferrol

NARÓN

A ruta xacobea continúa por Narón, nun camiño sinxelo de aproximadamente seis quilómetros. Comeza na enseada da Gándara e remata na desembocadura do río Xuvia. Para facer aínda máis interesante o percorrido é posible solicitar o acompañamento do historiador municipal, Andrés Pena Graña.
A primeira parada é o mosteiro de San Martiño de Xuvia, un cenobio románico cuxa orixe se remonta ao século IX e que viviu o seu maior esplendor no XII, cando se adheriu á orde de Cluny. Pódese visitar o interior concertando previamente unha visita co párroco. Declarado como Ben de Interese Cultural, é tamén o inicio da ruta que vai ata Santo André de Teixido, marcado no percorrido coa icona dun peixe en cor vermella.
Continuando polo camiño do Salto e logo polo de Outeiro, chégase ata o muíño das Aceas, que foi declarado Real Fábrica de Fariñas en 1798. Empregaba enerxía combinada de auga de ríos e mares que se acumulaba na súa presa, o que lle permitía moer grandes cantidades de trigo.
Seguindo as vieiras amarelas aparece no paseo marítimo de Xuvia a pedra que marca os 100 quilómetros que faltan ata Santiago, punto de partida mínimo para quen queira obter a “compostela”. Ao seu carón están instaladas unhas letras xigantes de Narón e o Camiño Inglés, que converten o espazo en parada fotográfica case obrigatoria. Neste gran parque pódese aproveitar para xantar, descansar ou seguir xogando.
Ademais, o Concello vén de instalar en colaboración coa Asociación Sociocultural ASCM catro códigos QR que conforman unha xincana enfocada ás persoas con mobilidade reducida. Ao escanealos accédese a unha audioguía na que se explican diferentes curiosidades sobre a zona. É unha nova experiencia, pois é a primeira xincana turística dixital e inclusiva do país.
Para rematar co tramo, despide a localidade un lonxevo magnolio cun tronco de máis de seis metros de perímetro, o maior da súa especie en Galicia e un dos máis antigos do continente. E moi próximo, o muíño de Xuvia, que a comezos do século XIX foi o principal muíño do país, abastecendo de fariña a toda a comarca e exportando gran parte da produción.

Muíño das Aceas
San Martiño do Couto
  • Idades: Primaria, Eso e Bacharelato.

  • Materias: Xeografía, Historia, Historia da Arte, Ciencias Naturais, Ciencias Sociais, Educación Física.

  • Máis información:

    Para visitar o mosteiro de San Martiño de Xubia é preciso falar previamente co párroco chamando ao 659 920 253.

rutas por Ferrol

NEDA

  • Protección Civil Neda

  • Tlfo. 981 380 039
    www.neda.gal

  • Ferrol 9 Km
    A Coruña 49 Km
    Viveiro 79 Km
    Santiago 92 Km

Albergue Neda

O municipio de Neda constitúe a última parada da primeira etapa do Camiño Inglés. É o lugar habitual de pernoita, posto que dispón dun albergue que é público e que conta con espazo para 28 persoas. Está situado na zona do Empedrón (en pleno paseo marítimo), con vistas ao río Xuvia.

A ruta pola localidade é sinxela e adecuada para realizar co alumnado. Sae desde a ponte do río Xuvia e chega á primeira parada, que é a igrexa barroca de Santa María, pola avenida principal da vila. A construción actual data de 1721, pero a súa orixe remóntase ao século IX. Este templo alberga unha das pezas máis importantes da arte relixiosa galega, a escultura do Cristo da Cadea, unha talla gótica de estilo Tudor. Segundo din as lendas, esta chegou a Neda a bordo do barco dun mariño inglés que rescatara a imaxe da Catedral de San Pablo en Londres antes de que fora destruída polos protestantes.

O itinerario segue ata cruzar a ponte do río Belelle, que dá entrada ao casco histórico. Aquí, entre pequenas rúas se atopan varios edificios de grande interese patrimonial. Localizábase aquí o antigo Hospital de Peregrinos do Sancti Spiritus, que vén demostrar a longa tradición xacobea da vila e do que queda en pé a Torre do Reloxo, unha xoia do século XVIII.

Camiñando pola porticada rúa Real chégase á igrexa de San Nicolás, un templo erixido no século XIV que posúe un dos cruceiros máis antigos de Galicia. Na parte traseira hai un amplo parque con zona de xogos infantís, ideal para facer un descanso cos pequenos. Seguidamente, se continuamos camiñando polo Camiño do Murallón e o barrio do Puntal, a ruta enlaza co seguinte concello da ruta, o de Fene.

Igrexa Neda
  • Idade: Primaria, ESO e Bacharelato

  • Materias: Xeografía e Historia, Ciencias Sociais, Ciencias Naturais, Educación Física.

  • Máis información:

    Información sobre o albergue de peregrinos de Neda nesta dirección
    No portal Wikiloc podedes consultar todo o itinerario da primeira etapa do Camiño Inglés.

rutas por Ferrol

FENE

  • Concellería de Turismo.

    Praza do Alcalde Ramón José Souto González, s/n Fene

  • Tlfo. 981 492 767

    turismo@fene.gal

O Camiño Inglés pasa polo municipio de Fene nun itinerario sinxelo de arredor de tres quilómetros de lonxitude. A ruta percorre tanto zona urbana como áreas de natureza, polo que é posible gozar de paisaxes e boas vistas da ría, desde as que se divisa o emblemático guindastre de Navantia e os “jackets” que son xa outro sinal de identidade do estaleiro fenés, á vez que facer algunha parada nalgún punto de interese patrimonial.

O camiño parte do lugar de Conces e continúa ata a rúa Fonte do Campo para chegar ao lugar da Casanova. Tras cruzar a estrada N-651 atopamos a Casa do Concello. Na propia vila é interesante facer unha visita á igrexa do Divino Salvador, datada no século XVIII, ou ao Museo do Humor Xaquín Marín (ver páxina), moi atractivo para a rapazada.

No remate da avenida do Concello, débese xirar á esquerda para tomar a dereita na rotonda, cara a rúa Alcalde Xerardo Díaz. Por aquí se vai chegar ao lugar de Mundín, no que hai un antigo lavadoiro moi fotografado. Nesta zona atópase un bosque de árbores caducifolias e eucaliptos polo que se volve á N-651.
Desde o lugar de Rego da Moa chégase ata Romariz, onde a través dunha pista de terra rodeada de hortas encaramos a zona final do itinerario do Camiño Inglés en Fene, no polígono Vilar do Colo, un centro industrial que conecta co veciño concello de Cabanas.

  • Idade: Primaria, ESO e Bacharelato

  • Materia: Ciencias Sociais, Xeografía e Historia, Ciencias Naturais, Educación Física

  • Máis información: En fene.gal/turismo/camino-de-santiago.es podedes consultar a descrición completa da ruta e descargar un documento detallado con fotografías e ubicacións.

Camiño Inglés Fene
rutas por Ferrol