AS PONTES

Separador

MUSEO ETNOGRÁFICO MONTE CAXADO

Desde marzo de 2019 o Museo Etnográfico Monte Caxado ten unha nova ubicación, nun edificio remodelado ex profeso na Praza da Igrexa. Alí están uns 2.000 obxectos que forman parte da colección emprendida no ano 1984 polo mestre José María López Ferro e que permaneceran, durante máis de trinta anos, no colexio do mesmo nome. O profesor que foi o artífice da creación do museo segue ao pé do canón tras a súa xubilación, atendendo aos grupos e coidando dos fondos, que sempre están a medrar con novas aportacións.

Porque o Museo Etnográfico das Pontes é unha construción colectiva. Así o explica José María López Ferro, que recorda que naqueles anos oitenta, cando el chegou de profesor ao CEIP Monte Caxado, a economía da vila estaba a cambiar rapidamente. A modernización e a industrialización ían deixando a un lado os traballos artesanais, a agricultura e a gandería. A idea do mestre de crear un museo para preservar o patrimonio etnográfico da zona foi ben acollida no propio centro e tamén por parte das familias do alumnado, que colaboraron doando centos de pezas.

Apuntes

  • Museo/centro de interpretación
  • Materias relacionadas: Ciencias Sociais, Xeografía e Historia
  • Idades: Primaria-ESO-Bacharelato.
  • Duración: en torno a unha hora e media, adaptable
  • Horario: segundo as necesidades do grupo, na medida das posibilidades do guía
  • Gratuíto

O feito de que os fondos non deixen de medrar -desde a inauguración da nova sede, incorporáronse máis de 60 obxectos- confirma que a proposta do mestre prendeu realmente na cidadanía pontesa e dos seus arredores. De feito, no ano 2015 constituiuse a Fundación Museo Etnográfico Monte Caxado, que foi declarada de interese cultural e garantiu a pervivencia da colección. O museo constitúe unha viaxe no tempo. Das máis de 4.000 pezas que ocupaban os pasillos do CEIP Monte Caxado están na nova ubicación arredor de 2.000, as máis importantes e curiosas.

Os fondos repártense polas dúas plantas do edificio. No baixo recréase a aula dunha antiga escola, con aqueles pupitres tan característicos e un vello encerado. Xunto a el, unha magnífica colección de xogos populares, entre os que hai un feixe de “indios” e “vaqueiros”, así como unha maleta e outros obxectos que recordan o fenómeno da emigración, que na zona do Eume dirixiouse fundamentalmente a Cuba e afectou a moitas familias. A segunda planta acolle as pezas vencelladas aos oficios tradicionais, como as ferramentas que empregaban latoeiros, canteiros, cesteiros, carpinteiros e outras profesións. Aquí están tamén centos de obxectos que formaban parte da vida cotiá dos nosos bisavós.

Utensilios de cociña, vellas roupas e paraugas de madeira, elementos empregados na caza e na pesca… unha ampla colección na que é posible facer moitos descubrimentos, como por exemplo o obxecto que se empregaba para triturar a comida e darlla aos enfermos, ou unha ducha de cando non había rede de subministración de auga… Entre outras moitas curiosidades, a mostra do museo etnográfico pontés garda un vello reloxo que o Concello de Vilalba lle cambiou ao das Pontes no século XIX por cen fanegas de trigo, para paliar a fame dun ano de mala colleita. O reloxo estivo ata os anos 60 na Igrexa de Santa María, situada na
mesma praza que o museo.

rutas por Ferrol

CASA DO MEL

A carón das Fragas do Eume, na parroquia de Goente, atópase a Casa do Mel, un centro creado para dar o coñecer todo o relacionado coa apicultura: como traballan as abellas e como funcionan as súas colmeas. A Asociación Apícola Casa do Mel xestiona estas instalacións, xunto ás que hai un aparcadoiro grande para que pare o autobús escolar. As explicacións dos apicultores da zona son a mellor fórmula para que os escolares coñezan o papel destas polinizadoras no desenvolvemento sostible e pregunten pola raíña e as obreiras, entre outras curiosidades da súa organización, ou sobre a ameaza da avespa velutina, da que tanto oíron falar nos últimos anos. Os abelleiros e abelleiras da citada entidade encárganse de guiar as visitas dos grupos.

Os colexios constitúen unha parte importante da afluencia á Casa do Mel, na que os nenos e nenas poden coñecer os procesos de produción e recollida do mel e a vida das abellas. Os veteranos coidan especialmente aos pequenos que visitan o centro, conscientes de que entre eles estarán os futuros apicultores. Na Casa do Mel hai unha sala de exposicións cos utensilios da apicultura tradicional, na que se organizan con motivo das visitas escolares obradoiros de cera. Os nenos e nenas poden realizar catas de mel, facer as súas propias candeas con cera de abella ou mesmo participar nos análises físicos, químicos e polínicos da mel que se fan no laboratorio de calidade, no que aprenderán que o mel é un produto único de cada apicultor. Entre os descubrimentos que sen dúbida non esquecerán os pequenos está unha colmea de cristal na que se ven as interioridades do traballo das abellas.

A ficha

  • Museo-Centro de Interpretación
  • Materias relacionadas: Ciencias Naturais, Bioloxía, Tecnoloxía
  • Idades: Infantil-Primaria-ESO
  • O prezo depende do grupo pero a partir de 2€/persoa, con guía
    O horario é a convir polo grupo
    É necesaria unha reserva previa chamando ao 661 003 616
  • Hai unha tenda de mel e produtos apícolas
    Ten un aparcadoiro amplio
rutas por Ferrol

O LAGO

As Pontes de García Rodríguez era ata hai pouco tempo un municipio sen praia. Agora as persoas que visitan a localidade fican abraiadas ao chegaren pola estrada. Ante os seus ollos aparece o lago artificial máis grande de España, o segundo de Europa, a cuxo pé quedou inaugurada a nova praia no ano 2012, un fito do que poucos lugares poden presumir. A praia das Pontes representa un contorno excepcional para gozar da natureza, nunha excursión que tamén pode aproveitarse para explicar o proxecto de recuperación dunha explotación mineira esgotada. O lugar que agora ocupa o lago, de máis de 8,5 quilómetros cadrados, era antes unha mina a ceo aberto da que se extraía o combustible para a central térmica pontesa. Levou catro anos chegar a inundar o oco coa auga do río Eume, a choiva a os regatos da zona, un proceso que correu paralelo á recuperación medioambiental da antiga escombreira, alí ao lado. Para os grupos escolares é de especial interese a praia, de 430 metros de lonxitude e preto de 40 de ancho, con espazo para organizar todo
tipo de xogos e actividades nunha área separada do tráfico. Con bo tempo, as augas da lagoa ofrecen unha temperatura “de piscina” e son moi tranquilas, polo que o baño non reviste perigo. Nas inmediacións hai unha zona de herba, con mesas e bancos, así como un amplo aparcamento. É un espazo ideal para gozar dunha xornada de actividades en grupo e, de feito, é un destino elixido por moitos colexios para celebrar as súas convivencias.

A ficha

  • Ruta de Natureza
  • Materias relacionadas: Ciencias Naturais, Educación Física, Xeoloxía
  • Edades: Infantil, Primaria, ESO e Bacharelato
  • Con bo tempo, levar o traxe de baño
  • Na época estival hai aseos e dous quioscos ou chiringuitos

Algúns datos do lago:

PERÍMETRO: ………………………….18 km
SUPERFICIE: …………………….. 8,65 km2
LONXITUDE MÁXIMA: ……………. 5 km
ANCHURA MÁXIMA: ……………. 2,3 km
PROFUNDIDADE: ……………206 metros
DIMENSIÓNS DA PRAIA: …. 430×38 m
CANTIDADE DE AREA: ……. 90.000 Tm

rutas por Ferrol