O asedio á fortificación convértese nun xogo apaixonante para os grupos escolares na visita ao castelo de Moeche.

Descubrir as seteiras polas que lanzaban as frechas desde a fortaleza, entre outras estratexias de defensa, é o fío condutor das visitas guiadas cos máis pequenos, aínda que o percorrido dá para moito máis. É o espazo máis acaído para falar da revolta irmandiña de 1467, un acontecemento de tremenda transcendencia que, de feito, marcou en Galicia o tránsito da Idade Media á Idade Moderna.

As pedras do castelo actual levantáronse sobre os restos do antigo. Os irmandiños reduciron o primixenio a cinzas naquel levantamento, como resposta aos moitos abusos que cometían os señores feudais, e mesmo conseguiron implantar un novo sistema de goberno durante un tempo…

As revoltas, que triunfaron en Moeche e noutras zonas de Galicia, remataron cando os nobres volveron e reconquistaron os territorios coa axuda dos Reis de Castela. Entre outras represalias, o pobo tivo que levantar de novo o castelo de Moeche sobre os cimentos do que antes destruíra.

Actualmente, a fortificación acolle un Centro de Interpretación das Revoltas Irmandiñas e nas súas inmediacións celébrase cada mes de agosto o Festival Irmandiño, durante o que se recrea con fachos o asalto nocturno á fortaleza. Varias miles de persoas xúntanse cada ano neste evento, protagonizado pola música, que cumprirá 47 edicións no verán de 2026.