O Proxecto Terra de Vida-Patrimonio xira arredor do castelo de Naraío -un dos mellores exemplos de arquitectura medieval, que se ergue sobre unha rocha de 30 metros- pero non é este o único elemento patrimonial que destaca no concello de San Sadurniño. A fonte de San Roque, a igrexa de Santa María e a ponte da Ferraría co porco bravo dos Andrade son outras construcións que merece a pena coñecer.

A cooperativa Rexenerando -en colaboración co Concello de San Sadurniño- conta cuns obradoiros para traballar nas aulas sobre toda esta riqueza patrimonial, que poden ser a base para que os centros educativos realicen despois a visita pola súa conta. Facer este itinerario en autobús supón uns 45 minutos de excursión e trátase dunha proposta axeitada para rapaces e rapazas de Educación Secundaria e Bacharelato.

A visita á impresionante fortaleza -na que é posible subir ata a torre de homenaxe, de 16 metros de altura- supón transportarse ao momento da historia na que Galicia era un reino e ao xurdimento das Revoltas Irmandiñas.

Tamén é posible facer o percorrido a pé para contactar de preto coas impresionantes paisaxes da zona, na que veremos muíños, presas e vellas casas de labranza. A espectacular Fervenza do
Río Castro, cunha caída de auga de 8 metros e unha poza na súa base, atópase a moi pouca distancia do castelo.

Á marxe destes espazos, San Sadurniño dispón doutra zona ben interesante para unha excursión escolar: a área recreativa dos Currás, na que se poden practicar deportes, compartir unha comida ao aire libre e -de xuño a principios de setembro- gozar da súa piscina.