A cidade de Ferrol está tan ligada ao mar que o seu pasado, o seu presente e o seu futuro non se entenden sen el. Polo tanto, para coñecela ben é imprescindible afondar neste vínculo e a maneira máis doada de facelo é a través da visita a dous museos que, situados en dous edificios enfrontados dentro do antigo Arsenal, explican esa íntima relación.
Por unha banda temos o Museo Naval, que se centra na historia da Armada, e por outra o Museo da Construción Naval, que percorre a evolución deste sector desde a carpintaría de ribeira ata os modernos estaleiros.
As sedes son, nos dous casos, inmobles militares históricos: a antiga prisión de San Campio no Museo Naval, e as vellas ferrerías da Armada no da Construción Naval. Conservan a fisionomía propia do estilo neoclásico academicista do século XVIII e albergan importantes coleccións que se poden coñecer a través das visitas guiadas, gratuítas para grupos escolares.
Museo Naval
O Museo Naval conta con máis de 2.600 pezas entre as que atopamos a mellor exposición de áncoras do mundo, bandeiras, uniformes, armamento e tecnoloxía militar, reproducións de barcos -entre eles o que facía a ruta comercial do Galeón de Manila- e recreacións de como eran as cociñas ou as enfermarías dos buques tres séculos atrás.
Museo da Construción Naval
O Museo da Construción Naval é o máis importante de Europa destinado a este sector e a súa peza máis destacada son os restos da fragata Magdalena, que aínda que naufragou fronte ás costas de Viveiro no 1810 non foron recuperados ata mediados dos anos 70 do século pasado. A recreación dunha antiga fragua, as impresionantes maquetas -entre elas da propia fragata Magdalena e do buque Juan Sebastián Elcano-, as salas dedicadas aos faros e sinais marítimas, á reprodución dun barco do XVIII, a antiga Astano ou ao Arsenal Ilustrado son parte do atractivo deste museo que, ademais, organiza obradoiros para estudantes de todas as idades.



