As augas do río Belelle alimentaron durante moito tempo unha industria panadeira cuxa fama transcende a contorna, convertendo o seu pan nun dos máis apreciados en toda a comunidade. A existencia dos muíños, documentada desde a Idade Media, propiciou en 1588 a fundación na vila das “Casas Reais. Fornos de Provisión ou Fábricas de Biscoito” que abastecían con este produto aos barcos da Armada.

Hoxe en día, a ruta dos muíños permite achegarse á importante función que no municipio xogaron estas instalacións -chegou a haber 44 muíños fariñeiros-, agora xa en desuso. Os que aínda se conservan vanse sucedendo no percorrido dun seis quilómetros de distancia que parte da igrexa de Santa María para nos conducir ata o que, sen dúbida, é o principal reclamo de Neda: a fervenza do Belelle. Visitar este salto de auga, duns 45 metros de altura, constitúe unha experiencia única para os sentidos. Unha auténtica xoia da natureza á que se ten que acceder a pé desde o aparcamento habilitado polo Concello para evitar a degradación deste impresionante espazo natural.

A ruta, de dificultade baixa, ofrece a medio camiño, na área recreativa de Maciñeira, un espazo idóneo para facer unha pequena parada e repoñer forzas para chegar con toda a enerxía a unha fervenza que é motivo de orgullo para todos os nedeses. O río Belelle convértese ademais nun interesantísimo recurso pedagóxico para estudar un exemplo de ecosistema ben conservado, diverso e doado de percorrer.

A ruta dos muíños, que parte da igrexa de Santa María para chegar ata a espectacular fervenza do Belelle, permite aos escolares achegarse ao diverso ecosistema dun río cuxas augas moveron durante moitos anos os muíños que deron fama ao pan da vila.

Fervenza do Belelle: www.turismo.gal/recurso/-/detalle/210604000160/fervenza-do-belelle
Dispón de servizo de estacionamento de vehículos nas inmediacións do Pazo de Isabel II, punto desde o que unicamente está permitido o desprazamento a pé ata a fervenza.
Ruta dos Muíños: Preto de 6 quilómetros (ida). Con saída desde Santa María ata a Fervenza do Belelle. Dificultade baixa.