No Castelo de San Felipe as pedras non falan, pero si agochan historias que nos permiten viaxar ao pasado para nos converter, por uns instantes, en soldados cunha importante misión: protexer e salvagardar á ría de Ferrol dos ataques dos inimigos.

Os antecedentes da fortificación remóntanse ao século XVI, mais desta primitiva construción tan só se conservan as partes que quedarían integradas na reforma acometida posteriormente, no século XVIII, que deu á infraestrutura a forma actual, considerándose exemplo de “batería abaluartada”: con baterías de canóns dirixidos ao mar e cun sistema de baluartes para protexerse das ofensivas por terra.

O Castelo de San Felipe tería así un importante papel en agosto de 1800 no ataque das tropas inglesas á cidade naval, que se resolveu coa vitoria local na que se deu en chamar a Batalla de Brión. Un combate que se rememora todos os anos e ao que ademais se lle dedica un espazo propio no interior da emblemática fortificación, na que convive con diferentes exposicións temporais. As mostras permanentes que tamén se poden ver na rehabilitada torre da batería baixa complementan unha visita que, sen dúbida, resultará moi enriquecedora, amena e mesmo divertida para os escolares.

Na actualidade é tamén posible visitar a fortaleza de xeito virtual, a través do Xemelgo Dixital do castelo. A recreación tridimensional do Xemelgo Dixital permite non só percorrer a fortificación en primeira persoa, senón tamén observar desde todos os ángulos un modelo do castelo con todos os seus puntos de interese fotografados en 360 grados.

 

Horario: Inverno.- de 10.00 a 18.00h. Verán (ata o 15 de setembro): 10.00-14.00h e 16.00- 20.00h.
Acceso libre e gratuíto. Espazo de aparcamento.
Pódese reservar unha visita guiada en ferrolguias.com
Hai un servizo de lancha da empresa Fernández Cabana en temporadas vacacionais.
Consultar en info@fernandezcabana.es ou no teléfono 677 438 621.
Visita o XEMELGO DIXITAL do castelo en: my.matterport.com/show/?m=sgxnvyzFf4c
Descarga o folleto en: visitferrol.com/wp-content/uploads/2022/10/tripticos-San-Felipe-CAST.pdf