A decisión real, no século XVIII, de instalar o Arsenal en Ferrol incrementou as necesidades defensivas da zona. Desenvolveuse así un plan de protección da costa que incluía a construción de baterías colaterais para asistir ao tridente defensivo formado ata entón polos castelos de San Felipe, A Palma e San Martín (estas últimas na outra banda da ría). As fortificacións espalláronse ao longo duns trinta quilómetros, desde a emblemática fortaleza ata o Cabo Prior.

A través das súas ruínas podemos achegarnos hoxe en día ao importante cometido defensivo desenvolvido por un sistema pensado para salvagardar a zona dos ataques inimigos. Non todas presentan o mesmo estado de conservación e tampouco se pode chegar ata elas coa mesma facilidade, mais a mellor forma de coñecelas é paseando entre os seus restos, tomando todas as precaucións e deixando voar a imaxinación. Entre as máis accesibles figuran as de Doniños, Prioriño Chico, Punta das Viñas, Cariño, San Cristobo e San Carlos. Nas máis modernas, Prioriño, Prior e Monte Ventoso, deben extremarse as precaucións.

Todas comparten, iso si, privilexiadas localizacións, dominadas por extraordinarias paisaxes naturais e fermosas praias, como a de Doniños ou San Xurxo, con bandeira azul (como tamén teñen as de Esmelle e A Fragata, en Covas) que se poden converter no complemento perfecto para unha saída escolar que sirva para poñer en valor o sistema defensivo formado polas baterías de costa.

 

Máis información sobre as baterías de costa:
www.observersciencetourism.com/es/destino/baterias-militares-de-ferrol-a-coruna
Consellos:
A mellor forma de coñecer as baterías é paseando entre as súas ruínas polo que se recomenda levar calzado cómodo e extremar as precaucións naquelas zonas con maiores riscos polo estado das construcións.