É probable que o apagamento do pasado 28 de abril nos fixera reflexionar sobre o difícil que é xerar electricidade e levala a cada un dos nosos fogares. Falastes diso dentro da aula? A vila mineira das Pontes ten un papel moi relevante nesta historia e ofrece dous espazos especificamente creados para contala.

Un deles chámase “A Mina”, en recordo da explotación mineira que fixo das Pontes a localidade industrial que é. O percorrido lévanos atrás no tempo, ata hai vinte e cinco millóns de anos, cando unha gran depresión no terreo foise reenchendo con restos vexetais e outros materiais que se transformaron en carbón. Os paneis falan de como evolucionou aquel xacemento desde a súa descuberta no século XVIII ata a súa transformación no actual lago, pasando polos trinta anos nos que se explotou para producir enerxía. Algúns datos curiosos: empregáronse enormes rotopalas coas que se extraían ao ano nove millóns de toneladas de lignito que se movían por 60 quilómetros de cintas transportadoras.

Neste Centro de Interpretación “A Mina” atoparedes, ademais de paneis informativos, moitos vídeos nos que se explica, entre outras cousas, como foi o proceso de conversión do oco do xacemento no actual lago. Existe tamén unha sala chea de pantallas interactivas para que o alumnado aprenda conceptos básicos sobre a enerxía e as diferentes formas de producila.

No antigo escolar de Saa atopamos o Centro Expositivo da Maquinaria Mineira (CENAM). Alberga unha colección de maquetas das máquinas que se empregaron na explotación do xacemento das Pontes, sorprendente tanto polo detalle das pezas como polo seu número. O veciño das Pontes Manuel Barro García, que tamén foi traballador da mina, é o autor destas miniaturas a través das cales podemos descubrir a evolución da maquinaria e reflexionar sobre a pegada que estas deixaron na forma de vida e de traballo. No mesmo CENAM está, tamén, a colección de fotografías coas que o fotoxornalista Ramón Loureiro retratou, nos anos 90, aquela actividade industrial.

Á entrada das Pontes pode verse unha das enormes rotopalas que se empregaron na mina. O Concello ten en marcha o proxecto do “Parque da Memoria Toxo Verde”, no que a máquina quedará exposta e iluminada.

Na web explora.aspontes.org/es/inicio/ podedes atopar información destes dous centros de interpretación.
Para coñecelos, cómpre concertar unha visita a través do departamento de Cultura do Concello das Pontes, chamando ao 981 45 31 16.