A vila das Pontes ten demostrado que a transformación e a resiliencia son características de seu. O exemplo máis claro está no lago, resultado dun proceso de rehabilitación ambiental único e exemplar, que converteu a vella mina nunha enorme masa de auga doce cunha praia de medio quilómetro. A bandeira azul ondea cada verán ao pé deste areal de augas limpas e tranquilas, ideais para os deportes náuticos, e situado xunto a unha grande área recreativa, de 5km por 200 metros, que constitúe un espazo amplo e seguro, afastado do tráfico, no que é posible desenvolver todo tipo de actividades de ocio.

A localidade ten espazos naturais de grande interese que poden explorarse a través de varias rutas de sendeirismo homologadas. Unha delas é a Senda da Ribeira (PRG-203), con 7km de percorrido, cuxo trazado ascende desde o casco vello por unha marxe do río Eume ata o encoro da Ribeira, regresando pola outra. A denominada “Fragas da Ribeira e Lostegal” (PRG-147) é máis longa, de 20km, e gran parte da mesma vai tamén a carón do río.

Tamén moi recomendable é a Senda da Memoria, un percorrido doado de 8,3km, por unha ruta que pode facerse a pé ou en bicicleta e que vai por todo o perímetro do lago. O tráfico rodado está prohibido neste camiño, ao longo do que hai paneis informativos para coñecer os lugares e núcleos de casas que existiron antes da mina, así como información da flora e a fauna da zona. Na parte de Espiñaredo hai un observatorio de aves.

Hai un columpio enorme sobre a área recreativa do lago para gozar coas extraordinarias vistas.

Na web explora.aspontes.org/gl/ podedes atopar información e un mapa interactivo para consultar o percorrido das diferentes rutas.
Os itinerarios PRG-203 e PRG-147 poden consultarse tamén a través do portal Wikilok.