Temos o privilexio de contar con 9.000 hectáreas dun dos bosques atlánticos costeiros mellor conservados de Europa: as Fragas do Eume. O río Eume labrou o seu curso entre montañas, deixando unha paisaxe de canóns, ribeiras, fervenzas, presas e embalses que nos devolven a unha natureza virxe na que habitan incluso felgos de especies do período Terciario. Que mellor lugar para unha excursión escolar!

A visita ás Fragas pode planearse desde diversas perspectivas e, dado o seu interese, incluso se pode realizar en varias xornadas ou diferentes estacións para poder gozar de todos os aspectos que fan deste bosque un lugar máxico e único.

Percorrer algunha das sendas que se adentran neste espazo é unha opción excelente para ver de cerca o que nos ofrece. O Camiño dos Cerqueiros é unha destas rutas e conta coa vantaxe de ser un itinerario circular de 3 horas de duración e dificultade baixa que parte dos piñeirais altos ata as fragas máis próximas ao embalse. A vista desde o miradoiro da Carbueira é o maior aliciente: desde os seus 550 metros de altitude contemplamos a espectacularidade do río entre as montañas. E a visita pódese aproveitar para coñecer o mosteiro de Santa María de Monfero, do que falamos noutra páxina desta publicación.

Outra proposta de ruta é o Camiño Vello de Caaveiro, que parte das inmediacións do Museo Etnográfico da Capela e era a que utilizaban antigamente os monxes do mosteiro. É tamén circular, aínda que un pouco máis esixente que a dos Cerqueiros polos desniveis, e cunha duración de algo menos de catro horas, aínda que o tempo de camiñada non chega á hora e media. Neste percorrido temos unha fermosa ponte medieval, os incribles saltos de auga do río Sesín e, por suposto, o mosteiro de Caaveiro. Atopar esta impresionante construción no medio da frondosa vexetación das fragas é todo un espectáculo. O mosteiro data do século X e consiste nun conxunto de edificacións que no 2025 cumpren 50 anos desde a súa declaración como Monumento de Interese Histórico Artístico Provincial. A torre do campanario da igrexa de Santa Isabel, de 1750, a cociña escavada en rocha e a zona soterrada baixo a sancristía que lembra a uns calabozos son algúns dos elementos característicos que se conservan neste edificio, propiedade da Deputación Provincial da Coruña e que hoxe funciona como espazo museístico e centro de interpretación. Unha maqueta do mosteiro ou unha réplica da alba de San Rosendo son algunhas das pezas que se poden ver no seu interior.

Estas dúas rutas son só algunhas das que poden levar ao alumnado a achegarse ao tesouro das Fragas do Eume, pero hai moitas máis. Paga a pena, agora que xa está reaberta ao público, cruzar o río pola ponte colgante de Cal Grande e tamén coñecer as curripas, unhas construcións que forman parte do noso patrimonio etnográfico nas que se almacenaban os ourizos das castañas e se cubrían cun manto vexetal para finalmente obter o froito xa limpo para o seu consumo.

Ademais da formidable vexetación -carballos, castiñeiros, bidueiros, ameneiros, freixos, olmos, teixos, acivros…- neste bosque habitan numerosas especies de fauna autóctona, máis dun cento de aves, 40 mamíferos, peixes como a troita ou o reo e especies de anfibios e réptiles como a rá ibérica ou a lagartixa serrana, da que está en marcha no Concello das Pontes un proxecto para a súa conservación.

Nas Fragas hai habilitadas diferentes áreas recreativas nas que descansar ou compartir unha merenda ou un xantar.

Centros de interpretación:
Caaveiro (Ctra. Ombre-Caaveiro, km. 5)
Monfero (CtraDP-5003 s/n)
A Capela (Lugar Estoxa, 9)
Horarios: https://eumevivo.com/informacion-practica/oficinas-turismo
Máis información: https://www.turismo.gal/que-visitar/espazos-naturais/parques-naturais/fragas-do-eume?langId=es_ES