O Museo Etnográfico Monte Caxado é un lugar ao que dá gana de ir da man do avó ou da avoa. Teriamos tanto que comentar! Hai xa máis de corenta anos que o mestre Xosé María López Ferro iniciou, de entrada coa axuda dos seus propios alumnos e alumnas do colexio Monte Caxado, e despois de toda a veciñanza das Pontes, unha colección que naceu para non deixar caer no esquecemento a vida de antes.
As Pontes estaba cambiando dun perfil rural a un industrial, como consecuencia da explotación da mina e o funcionamento da central térmica, e o profesor tivo a feliz idea de coleccionar e expoñer as cousas que tiñan que ver co traballo no campo, cos vellos oficios e, en definitiva, coa historia cotiá da localidade. Andando o tempo, a mostra que inicialmente estivo no colexio acadou a súa propia sede e pasou a depender dunha fundación declarada de interese cultural. E o mellor é que o profesor Xosé María López Ferro segue ao pé do canón e exerce de guía para os grupos.
O museo conta actualmente con máis de 4.000 pezas: unha vella escola cos seus pupitres e demais útiles, a mesa de traballo dun zapateiro, unha antiga tecelá, as ferramentas do zoqueiro, os baúis daqueles ponteses que marcharon á emigración, o carro e outros moitos aparellos do traballo no campo… Pero ademais de restaurar, coidar e amosar todos estes obxectos, na Fundación do Museo Monte Caxado reuniron un arquivo dixital con fotografías, audios, vídeos, xornais… é unha auténtica xoia que pode consultarse a través da súa web.
Na web do museo están dispoñibles para a súa descarga boletíns divulgativos sobre diferentes temas, como o oficio de carpinteiro ou as supersticións na comarca do Eume.
Na páxina web montecaxado.gal atoparedes toda a información sobre o museo.
Para visitas de grupo contactar no 670 509 697 ou 698 148 890 ou no correo electrónico. Son gratuítas.
Aínda que o museo é unha antiga casa do casco vello, é accesible a primeira planta para persoas de mobilidade reducida. O horario de apertura para o público xeral é de martes a venres, de 18.00 a 19.30h e os sábados e domingos de 11.30 a 13.00h.
Na mesma web ou en arquivo.montecaxado.gal teredes acceso aos materiais do arquivo.
![]()

