Unha visita á Casa do Mel é garantía de éxito. É coñecido o interese que os bechos espertan dentro e fóra da aula e as abellas en particular son un mundo apaixonante e unha boa chave para dar os primeiros pasos en educación ambiental. Os apicultores e apicultoras que forman parte da asociación impulsora deste museo teñen moita experiencia recibindo a nenos e nenas pequenos, desde os primeiros cursos de Infantil, pero hai que apuntar que contan con materiais e coñecementos para enganchar a xente de todas as idades.

O museo está situado ao pé da estrada AC-564 entre Cabanas e As Pontes, no lugar de Goente. No seu interior hai unha exposición de diferentes materiais e traxes relacionados coa apicultura, porén máis importante que o espazo e as cousas son as persoas que están alí dispostas a compartir a súa experiencia.

É habitual que os grupos escolares fagan na visita algún obradoiro, como o de elaboración dunha vela, ou que vistan o traxe de apicultor para achegarse camiñando ata o apiario didáctico e observar ás abellas ao vivo. Alí pode verse unha colmea de cristal e meter o nariz para descubrir o aroma do néctar.

Son moitas as crianzas que proban por primeira vez o mel na excursión ao museo pontés. Ademais da degustación, saen coñecendo a importancia capital que teñen as abellas para manter a biodiversidade e o equilibrio na natureza.

A asociación Casa do Mel leva xa máis de dúas décadas traballando a prol da apicultura, das súas tradicións e cultura, e constitúe xa unha referencia dentro de Galicia.

A Casa do Mel abre ao público en xeral os sábados e domingos, en horario de 16.00 a 21.00h, con entrada gratuíta. Os grupos poden concertar a visita durante a semana. O prezo é de 3€ por persoa, e existe a opción de levar unha terrina de mel por 0,50€.
Contactar nos teléfonos 661 003 616 / 981 102 249 .
Web: www.casadomel.es